Conservas Pescamar ofrécenos unha nova entrega de"A cociña gourmet en conserva" cunha deliciosa receita da cociña italiana: o 'vitel toné'. O nome deste prato, xurdido na rexión de Piamonte e logo popularizado polos inmigrantes na Arxentina, provén da palabra italiana vitello tonnato, é dicir, ‘tenreiro atunado’, por consistir nun filete de vitela cuberto con salsa de atún.
O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destacan a súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.
Para preparar un delicioso 'Vitel toné' con salsa de atún claro Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 kg de redondo de tenreira
- 1 porro
- 1 cenoria
- 1 cebola
- 2 dentes de allo
- Aceite de oliva virxe extra
- Sal
- Pementa negra
- 2 latas deatún claro en aceite de oliva Pescamar
- 1 limón
- 1 cullerada de alcaparras
- 1 cullerada de pirixel
Preparación:
Para cociñar a vitela, poñemos un pouco de aceite de oliva nunha pota e douramos o redondo salpementado. Incorporamos uns dentes de allo pelados e, cortados en anacos, o porro, a cenoria e a cebola.
Unha vez que estea todo dourado, engadimos auga ata cubrir os ingredientes e cociñamos ata que a carne estea tenra. A continuación, sacámola e, unha vez arrefriada, metémola na neveira unhas horas ata que estea fría e consistente. Neste punto, preparamos os filetes cortando a carne en liscos finos, cun coitelo ben afiado ou cunha máquina cortafriames. Colocámolos nunha fonte ampla.
Para preparar a salsa, introducimos no vaso da batedora o ovo, un chisco de sal, o zume de medio limón e uns 200 ml de aceite. A velocidade máxima, batemos ata que se fusionen os ingredientes e a mestura espese. Engadimos o contido das dúas latas de atún claro en aceite de oliva Pescamar, previamente escorrido, e seguimos batendo ata que a maionesa quede completamente feita e cunha textura solta.
Vertemos a salsa de atún sobre a carne e decoramos cunhas alcaparras e pirixel. Deixamos a fonte tapada uns minutos na neveira e servimos o 'vitel toné' fresco.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.