Visto bo do Goberno a conectar a variante de Alba cunha rotonda na N-550

Pontevedra
22 de xullo 2024

O Goberno de España vén de expresar a súa intención de colaborar na execución da variante de Alba. Barállase a transferencia dun tramo da estrada nacional ou ben a elaboración dun estudo de viabilidade previo para analizar o impacto

Reunión para falar da Variante de Alba
Reunión para falar da Variante de Alba / Subdelegación do Goberno

O Goberno de España vén de expresar a súa intención de colaborar na execución da variante de Alba, que a Xunta prevé iniciar en torno ao ano 2027 para enlazar a estrada autonómica PO-531 coa estrada nacional N-550 na zona da Ferreira, na parroquia de Lérez.

A Subdelegación do Goberno acolleu este luns unha reunión na que participaron o subdelegado, Abel Losada, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro Cesar Mosquera; o director xeral de Infraestruturas da Xunta, Francisco Menéndez, e o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel del Río, ademais de técnicos do Estado e do Concello.

Na xuntanza abordaron as alternativas para a conexión davVariante de Alba e o subdelegado foi informado dun acordo plenario antigo para solicitar a transferencia da N-550 ao Concello ata o cruce da actual variante de Alba (á altura do restaurante Corinto).

Losada e os técnicos estatais deron o visto bo a transmitir esta petición, que abrangue un tramo duns 2 quilómetros, ao Ministerio de Transportes, pero para maior seguridade solicitouse ao alcalde que impulse un novo acordo plenario de acordo coas actuais circunstancias, dado que o estudo previo que se baralla desde o Concello ten mudado en aspectos substanciais.

Para o caso de que se opte por solicitar a conexión mantendo a titularidade estatal, o Ministerio de Transportes tería que elaborar un estudo de viabilidade no que se valora, en primeiro lugar, o impacto sobre o tráfico da N-550, que soporta 17.000 vehículos cara o sur (dirección Pontevedra) e 8.000 cara o norte. Un segundo aspecto sería a ordenación dos accesos peonís ás vivendas e empresas da zona.

Finalmente, solicitarase que a ponte prevista sobre a AP-9 se dimensione adecuadamente diante dunha eventual e futura ampliación da sección da autoestrada.

Arquivado en