Visitas, obradoiros, contacontos e roteiros para descubrir o Castelo de Soutomaior en familia todo o ano

Pontevedra
05 de abril 2023

A Deputación de Pontevedra presentou este mércores a programación anual de actividades no Castelo de Soutomaior que está enmarcada na campaña de promoción turística "Orixe Rías Baixas"  

Castelo de Soutomaior
Castelo de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra presentou este mércores a programación anual de actividades no Castelo de Soutomaior que está enmarcada na campaña de promoción turística “Orixe Rías Baixas”.

Comezan o domingo 16 de abril e prolongaranse ata decembro con visitas teatralizadas, talleres, contacontos e roteiros para familias con nenos que "terán moito que ver coas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia de Pontevedra", explicou Ana Laura Iglesias. 

As actividades 'Mouras e meigas no Castelo de Soutomaior' e as visitas teatralizadas ofertan 360 prazas, 30 por cada unha das actividades e as entradas xa están á venda a un prezo único de 8 euros.

Haberá talleres sobre o ciclo tradicional do pan, contacontos sobre a tradición e a celebración dos maios, roteiros para coñecer o bosque do Castelo segundo a estación do ano ou sobre as sete herbas tradicionais de San Xoán. Tamén haberá obradoiros sobre xogos ou os oficios tradicionais, mesmo un de elaboración de queixo fresco ou do mosto, entre outras actividades programadas.

As visitas teatralizadas do Castelo de Soutomaior tamén "estarán centradas no patrimonio cultural inmaterial da provincia". A Deputación organiza en total 68 sesións, con 30 prazas en cada unha, para os luns e os venres de xullo e de agosto ás 11:30 horas e ás 19:00 horas.