De novo a maxia dos Reis Magos permitiu ás súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar estar presentes en todos os municipios da provincia.
Aínda que Marín non tivo Cabalgata os Magos de Oriente pasaron boa parte do día na vila cos nenos nunha recepción organizada no Concello.
En Barro houbo anécdota coa Garda Civil de Tráfico que impediu que carrozas cruzasen a estrada N-550 por non solicitar permiso. De modo que, tras uns minutos de desconcerto, optouse por continuar o desfile a pé.
En Soutomaior os Reis tiveron que convencer ao alcalde de que non chovería durante o desfile, e así foi. De modo que a Cabalgata saíu como estaba previsto ao seis da tarde do Cruce de Pierres e rematou na carpa de Talo Río.
A Cabalgata de Caldas de Reis tivo sorprendentes animacións, novo percorrido e tamén subiu aos nenos ás espectaculares carrozas para axudar no seu labor ás súas Maxestades de Oriente.
Tamén saíu o autobús cos Magos por Vilaboa facendo as delicias dos nenos que esperaban nalgunhas partes do percorrido como en peirao de San Adrián, Santa Cristina, Acuña, Bértola, Figueirido até a carpa instalada en Paredes.
Aínda que en Poio está previsto o desfile para mañá luns, este domingo Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron as distintas parroquias en coches cheos de agasallos e tiveron unha recepción na carpa Poio Máxico da Seca.
Tamén en Campo Lameiro foi unha xornada moi atarefada para os Reis Magos que non deixaron lugar sen visitar nin carta por recoller.
En Cerdedo-Cotobade a comitiva real saudou a todos os nenos e repartiron centos de caramelos polas parroquias de Sacos, Viascón, Tenorio, Vilanova, Almofrei e Borela.
En Ponte Caldelas adiantaron a visita ao sábado, cun percorrido en todoterreo por todos os lugares e parroquias seguido dunha recepción na carpa da Alameda con chocolate e rosca para os asistentes.
Aínda que o Concello de Sanxenxo cancelou a cabalgata, os Reis Magos recibiron aos nenos no pavillón de Nantes cunha gran festa.