Pola mañá preto de cincuenta persoas, participaron na visita guiada para público infantil polo cemiterio de San Amaro. Na da tarde, pensada xa para os adultos, as previsións desbordáronse e máis dun centenar de curiosos asistiron este domingo a esta simpática e entretida actividade.
Carlos Taboada e Enrique Mauricio (Polo Correo do Vento), interpretaron a dúas almas do cemiterio e foron comentando algunhas curiosidades da necrópole pontevedresa. Un recinto decimonónico e neoclásico, proxectado polo arquitecto municipal Rodríguez-Sesmero en 1879.
O percorrido arrincou na porta monumental de acceso. Reparando nos detalles do reloxo de area con ás e a caveira coas tibias cruzadas.
Xusto enfronte, o panteón do doutor López de Castro, o médico dos pobres, moi preto da tumba do violinista Manuel Quiroga lembrado cun busto esculpido por Asorey. Os Riestra, Mon, son algúns dos apelidos ilustres que van atopándose durante o paseo entre nichos e hipoxeos.
A visita teatralizada estivo salpicada de humor e contou coa complicidade dos asistentes que non se cortaron á hora de cantar e de chamar ao unísono: "Perfecto! Perfecto!" invocando ao gaiterio boticario, que apareceu encarnado polo artista Marcelo Dobode.
A comitiva foi descubrindo panteóns como o da familia Sánchez Cantón, cunha talla en granito de San Francisco de Asís que ten os seus brazos amputados, procedente da desaparecida igrexa de Los Santos, situada en Mollavao.
Suscitou gran interese o "cadro de párvulos ou de gloria", a zona do camposanto na que están enterrados nenos e tamén o cemiterio civil, situado entrando ao fondo á esquerda, onde foron enterrados os pontevedreses non crentes na relixión cristiá ademais de fusilados e falecidos do bando republicano durante a Guerra Civil.
Aquí destacan as tumbas con símbolos masónicos, especialmente a de Indalecio Armesto, xornalista, filósofo e deputado da Primeira República. Tamén a de Andrés Muruais carece de calquera tipo de simboloxía relixiosa. Moi preto dela sitúanse as tumbas do médico Celestino Poza, Alexandre Bóveda así como a do fotógrafo Francisco Zagala.
Por esta zona pasea habitualmente o coñecido como "o gato republicano".
Dentro do cemiterio tamén está o templo dedicado a San Mamede, unha igrexa cristiá do século XI que se atopaba derruida no lugar de Moldes e que foi adquirida polo Concello en 1967 sendo alcalde Filgueira Valverde, que deu orde de colocala ao revés, coa porta principal mirando cara ao Leste, para que dese acubillo a todo tipo de relixións.
Así de entretidos pasaron a tarde os participantes nesta iniciativa ata que caeu a noite e amablemente declinaron a insistente invitación dos guías de pasala con eles dentro do camposanto, co que se puxo fin a esta visita.