A Avenida Xoán Carlos I, que cambiará de denominación pola conduta "pouco edificante" e "absolutamente inaceptable" do rei emérito, segundo destacou o goberno municipal, terá un novo nome. A elixida para esta homenaxe será Virxinia Pereira Renda.
Virxinia Pereira, viúva de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, representa a "antítese" de Juan Carlos I, segundo defendeu a concelleira de Cultura, Carmen Fouces.
Esta muller "galeguista" foi a "garante" do legado político e artístico de Castelao e a persoa que máis loitou, ata conseguilo, para que a maior parte da obra do seu marido e dos bens que ambos compartiron fosen depositados no Museo de Pontevedra.
Pero máis aló do seu labor de protección deste legado, Virxinia Pereira caracterizouse por ser unha muller "que antepuxo o servizo ao seu país por riba do seu benestar persoal", lembrou a edil nacionalista. "Perdeuno todo menos a dignidade", dixo.
O réxime franquista tentou "silenciar sen éxito" a obra de Castelao e a súa compañeira "sacrificou o seu status social", a vida "cómoda" da que viña e todo o seu patrimonio "para poñelo ao servizo dun ideario e dun soño".
Foi, engade o goberno municipal, unha muller "rexia e valente" que nunca renunciou aos ideais "galeguistas e republicanos" que compartía con Castelao. Despois da morte do seu marido, sinalou Carmen Fouces, converteuse na "máis firme defensora" do seu legado.
"Desde o goberno de Pontevedra estamos moi orgullosos da xusta homenaxe que lle rendemos a Virxinia Pereira Renda e tamén moi satisfeitos do exercicio de hixiene democrática que supón a retirada da rúa a Juan Carlos I", concluíu a edil do BNG.