Vinte persoas fórmanse en Poio en atención sociosanitaria no domicilio

Poio
19 de febreiro 2024

A cocnelleira Natividad Torres destaca a "grande oportunidade que supón a participación neste curso, posto que o alumnado está recibindo ferramentas para prepararse e coller os coñecementos necesarios para poder traballar nun sector cun alto nivel de ocupación"

Vinte persoas fórmanse en Poio en atención sociosanitaria no domicilio
Vinte persoas fórmanse en Poio en atención sociosanitaria no domicilio / Concello de Poio

Vinte persoas están a formarse en Poio en atención sociosanitaria no domicilio, nun curso gratuíto organizado polo Concello en colaboración coa empresa Idades. 

Trátase dunha formación con gran demanda de inserción laboral, e de feito a propia empresa ofrece un alto compromiso de contratación entre o alumnado asistente.

A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, participou na inauguración do curso no Edificio dos Gardeses (Palacete de Besada), que ten unha duración de 60 horas, 40 delas teóricas e o resto prácticas na propia empresa.

Destaca a "grande oportunidade" que supón a participación neste curso, "posto que o alumnado está recibindo ferramentas para prepararse e coller os coñecementos necesarios para poder traballar no sector coidados, que conta cun alto nivel de ocupación". 

De feito, recoñece que espertou moito interese en Poio, cubríndose todas as prazas dispoñibles e agradeceu á empresa a súa colaboración e aposta pola formación.

Durante as clases, o alumnado aprenderá a desenvolver intervencións para mellorar a autonomía persoal e as relacións co entorno de persoas en situación de dependencia. Entre os coidados que ofrece un profesional da atención sociosanitaria, recordan, atópanse as tarefas do día a dia que se prestan na axuda no fogar, como a alimentación, a hixiene ou limpeza da persoa dependente e da súa contorna e atención sanitaria básica.

Desde o Concello de Poio están organizando nos últimos meses varias formacións gratuítas no sector coidados. Así, ademais deste curso que abre unha porta para a inclusión no mercado laboral daquelas persoas que teñan interese no sector dos coidados, tamén se desenvolveron outras iniciativas destinadas para familiares coidadores de persoas dependentes.

O obxectivo, asegura a concelleira, é mellorar a atención que reciben os dependentes pero tamén incidir na importancia de que as persoas que teñen a algún familiar ao seu cargo dispoñan dun tempo de descanso, de respiro familiar e de autocoidado, fundamentais para poder seguir atendendo a quen o precisa.