A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense este sábado por baixo dos 300 casos activos de covid-19. Baixou desa cifra o venres e mantense a pesar de confirmarse 20 novos positivos na última xornada.
Nas probas realizadas nas últimas horas confirmáronse 20 positivos, pero déronse 21 altas, de modo que, no cómputo final, este sábado 29 de maio hai un caso activo menos que o venres, un total de 290.
Segundo o balance oficial do Servizo Galego de Saúde, 278 pacientes están nos seus domicilios con síntomas leves ou sen síntomas e 12 permanecen ingresados nos hospitais. É un paciente hospitalizado menos nunha xornada.
En concreto, este sábado hai 4 pacientes na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, mesma cifra que o venres, e 8 ingresados en planta, un menos que o día anterior. Todos eles están ingresados en planta do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e ningún no resto de hospitais da área.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 13.779 pacientes (21 na última xornada) e realizáronse 234.957 probas PCR' S, 702 nas últimas 24 horas. Habería que sumar as probas de antíxenos realizadas, das que non se facilitan datos oficiais.
En total, faleceron por este virus na área sanitaria 179 pacientes. A última vítima mortal confirmouse este venres, aínda que xa falecera o xoves. Trátase d euna muller de 94 anos que estaba ingresada no Hospital Montecelo e presentaba patoloxías previas.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é este sábado de 2.350. Son 50 casos menos que o venres.
Do total de pacientes positivos,107 están hospitalizados, importante redución fronte aos 121 do venres. Deles, 28 están en UCI e 79 en unidades de hospitalización. Ademais, hai 2.243 pacientes recuperándose no seu domicilio.
Polo de agora, en Galicia hai un total de 121.883 persoas curadas e confirmáronse 2.417 falecementos por coronavirus.
Por áreas sanitarias, VIgo continúa como a que ten máis casos activos, 700, 12 menos que o venres. Ademais, A Coruña ten 426, 20 menos nunha xornada: en Lugo hai 234, un máis; en Ourense son 190, seis menos; en Pontevedra son 290, un menos; en Santiago baixan ata os 427, 15 menos; e en Ferrol hai 83, tres máis.
O número de PCR realizadas é de 2.241.777 e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 1.820.730.