Seis meses leva funcionando o roupeiro municipal en Poio e, durante este tempo, 76 persoas pertencentes a 20 familias víronse beneficiadas por este servizo.
Natividad Torres, concelleira de Benestar e Igualdade, indica que cada martes tanto ela como persoal municipal visitan o roupeiro situado na casa Rosada para recibir ás persoas que son derivadas directamente desde Servizos Sociais.
Neste espazo, estas persoas seleccionan o tipo de peza que máis lle gusta ou que precisan.
"O obxectivo deste programa gratuíto é atender, apoiar e axudar ás familias con dificultades, ao mesmo tempo que fomentamos o uso de roupa de segunda man, en bo estado", afirma a concelleira.
Moitos residentes en Poio e tamén de concellos limítrofes doaron pezas ao roupeiro durante estes meses. Antes de ofrecer a roupa comproban que estea en bo estado sen descosidos ou manchas.
As persoas que reciben estas pezas asinan un documento en que se comprometen a non revendelas.
Para realizar doazóns é necesario informarse no Pazo Besada en horario de mañá ou na Casa Rosada en horario de tarde. Pode facerse entrega de roupa, calzado, roupa de cama, cadeiras e artigos para bebés, mochilas e outros elementos de uso cotián, sempre que estean limpos e en bo estado.
Neste momento, a maior necesidade que presenta o roupeiro son pezas masculinas e calzado.