Unha vintena de empresas de arquitectura participaron este luns nunha visita técnica ao Museo Massó de Bueu para coñecer de primeira man os espazos nos que se executarán os traballos de conservación licitados en marzo pola Xunta de Galicia. O obxectivo é a mellora das condicións museísticas da antiga conserveira e dos inmobles incorporados ao proxecto expositivo.
Os representantes das empresas interesadas en realizar as obras asistiron en primeiro lugar a unha introdución sobre a historia dos edificios do complexo industrial Massó Hermanos, con material fotográfico do arquivo Massó, planos de fábrica e infografías.
Durante a presentación, expuxéronse os principios que rexen o Programa de Necesidades Arquitectónicas elaborado polo museo e baseado en criterios de restauración e recuperación dos espazos e estruturas da nave do século XIX da antiga conserveira, das salas do antigo Museo Mariñeiro e da salgadura Piñeiro, que formaba parte do complexo e que foi recuperada en 2013.
A continuación fíxose un percorrido guiado por todos os espazos, con especial atención aos que van acoller as intervencións de maior calado nesta fase. Trátase da sala dedicada á actividade portuaria instalada no tramo que se conserva das naves da fábrica construída en 1883, o edificio da salgadura Piñeiro, de principios do século XIX, e a sala Lugrís, situada no primeiro andar da salgadura. Os participantes prestaron especial atención ás antigas estruturas de madeira das cubertas e destacaron o seu valor histórico e carácter excepcional.
A visita forma parte do proceso administrativo aberto pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a redacción do proxecto básico e de execución, así como de dirección de obra. O orzamento inicial supera os 115.000 euros financiados polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea nos seus proxectos destinados a intervencións en Bens de Interese Cultural. O adxudicatario contará cun prazo de tres meses e medio desde a sinatura do contrato para completar os labores de redacción. Unha vez redactado o proxecto, a Xunta poderá iniciar a licitación das obras de mellora e ampliación.
Como actuación previa, vanse encargar os traballos de redacción do proxecto básico e de execución co obxecto de deseñar, describir, medir e valorar os traballos necesarios para resolver os problemas da envolvente do edificio e do acondicionamento das salas. Unha vez completado este documento, a dirección de obra encargarase de dirixir o desenvolvemento da obra definida no proxecto conforme aos aspectos técnicos, estéticos, urbanísticos e medio ambientais que se recollan.
O proxecto deberá ter en conta que os principais obxectivos desta actuación son dotar o museo dos espazos suficientes para desenvolver as súas funcións e mellorar, restaurar e renovar as instalacións facendo que sexa un edificio máis eficiente e respectuoso co medio. Así mesmo, a intervención deberá potenciar a debida conservación e mantemento do ben e promover e impulsar o seu uso como recurso cultural e turístico.