Vinte empresas aspiran a renovar a cuberta do polideportivo de Santo Antoniño

Barro
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O orzamento total do proxecto ascende a 150.389 euros. O Concello de Barro conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 38.273 euros para sufragar parte dos gastos. A intención do alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes é que se cumpran os prazos para que a nova cuberta sexa estreada dentro deste 2024

Pavillón polideportivo de Santo Antoniño
Pavillón polideportivo de Santo Antoniño / Concello de Barro

O Concello de Barro deberá decidir entre vinte ofertas doutras tantas empresas para adxudicar as obras do proxecto de renovación da cuberta do pavillón polideportivo de Santo Antoniño.

Segundo o goberno local, o orzamento sitúase en 150.389 euros. O Concello conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 38.273 para sufragar parte da obra.

Este xoves 21 de marzo abriranse as plicas e a obra adxudicarase á empresa que realice a mellor oferta económica.

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, mostrábase satisfeito polo número de empresas que aspiran a realizar este traballo ao entender que esa competencia permitirá realizar un importante aforro económico.

A intención do goberno local é que se cumpran os prazos e a instalación este renovada neste 2024.

Desde o Concello teñen previsto que as obras se realicen durante os meses de verán, período con menor actividade deportiva, para evitar que se xeren problemas no desenvolvemento da práctica deportiva dos equipos e da comunidade educativa que utilizan habitualmente o recinto.