Vinte colectivos ecoloxistas poñen en marcha unha campaña para "pararlle os pés ao eucalipto"

Pontevedra
05 de febreiro 2016

A campaña 'Stop eucalipto, avante carballo!' presentouse este venres en Pontevedra porque está inevitablemente ligada á empresa Ence e a prórroga por 60 anos que acaba de concederlle o Ministerio de Medio Ambiente. "Énce é quen tutela e quen dirixe a eucaliptización deste país", insiste o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas

Presentación da campaña 'Stop eucalipto, avante carballo!' na Casa das Campás
Presentación da campaña 'Stop eucalipto, avante carballo!' na Casa das Campás

Vinte colectivos ecoloxistas e ambientalistas galegos uníronse para poñer en marcha unha campaña para tentar frear a eucaliptización de Galicia baixo o lema 'Stop eucalipto, avante carballo! É o momento de pararlle os pés ao eucalipto'. A iniciativa presentouse este venres en Pontevedra porque está inevitablemente ligada á empresa Ence e a prórroga por 60 anos que acaba de concederlle o Ministerio de Medio Ambiente. "Énce é quen tutela e quen dirixe a eucaliptización deste país", insiste o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas.

A campaña púxose en marcha nestes momentos porque "a situación é gravísima" e faise necesaria unha resposta á "preocupante extensión das plantacións de eucaliptos" e a "necesidade de conservar os nosos hábitats autóctonos". O primeiro paso foi conseguir a unión dos 21 colectivos que apoian a campaña, como segundo paso elaborouse un manifesto cos principios e reivindicacións e despois dlelgará o momento da posta en marcha de actividades aínda non reveladas. 

O manifesto reclama cinco medidas que supoñen, en resumo "pedir que as leis se cumpran" e, en canto ás actividades, aspiran a "socializar o problema, que a sociedade asuma que a eucaliptización é uns dous problemas sociais de Galicia" e que as administracións "xoguen o papel que teñen que xogar", segundo explicou Mónica Arto, do colectivo Verdegaia. 

O presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Antón Masa, alertou de que a prórroga de Ence é unha "ameaza" á biodiversidade de toda a comunidade, pois implicará que o eucalipto terá "maior ritmo de crecemento que agora" e expandirase o modelo de monocultivo de eucalipto.

Os colectivos que subscriben o manifesto alertan de que Galicia é a comunidade "con maior superficie de eucaliptais do Estado", en concreto, o 52 por cento; e que estes creceron a un ritmo trepidante nas últimas décadas. Hai 40 anos, en 1972/73, estaba presente en 131.181 hectáreas de terreo e a finais de 2015 xa ocupaban preto de medio millón de hectáreas. Na Península Ibérica localizarse o 53% da superficie mundial de Eucalyptus globulus, máis que en toda Australia.

Este "aumento imparable" do eucalipto relaciónano inevitablemente co abandono agrario e o "declive do medio rural galego", de aí as cinco acciones que promoven (pódense consultar nesta ligazón).

Arquivado en