Vinilos históricos nos cadros do alumeado melloran a estética da cidade

Pontevedra
08 de xaneiro 2025
Actualizado: 16:40

Máis de 30 vinilos estarán presentes nos cadros de control do alumeado público con datos sobre persoas da historia da cidade e debuxos elaborados polo colectivo Polo Correo do Vento

Xaquín Moreda presenta os vinilos para os cadros eléctricos
Xaquín Moreda presenta os vinilos para os cadros eléctricos / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha unha iniciativa que combina a mellora estética do centro urbano coa divulgación da historia local.

Trátase da instalación de máis de 30 vinilos nos cadros de control do alumeado público, unha intervención artística realizada polo colectivo Polo Correo do Vento.

Segundo explicou o concelleiro de Servizos Básicos Urbanos, Xaquín Moreda, os vinilos recollen "retallos da historia da cidade" a través de ilustracións sobre escritores, escritoras e tamén persoas ilustres de Pontevedra.

Deste xeito figuran Josefina Arruti; Pilar Bértola; José Luis Torrado, "o Bruxo"; Ricardo Martínez Fernández "O Panderetas"; Pedro Sarmiento de Gamboa; María Vinyals; Rosalía de Castro; Benito Soto ou Dolores Trabado, entre outros.

Tamén aparecen datos e ilustracións de edificios emblemáticos, tanto existentes como desaparecidos, na historia da cidade. É o caso do Sanatorio Marescot, a capela dos Santos de Mollavao, o lavadoiro do Peilán ou o Muíño de Casás.

E ademais recóllense outros elementos do patrimonio histórico da vila como o tranvía a Marín ou as pistas de cinza das inmediacións do Pazo de Campolongo.

Uno de los vinilos instalado en un cuadro eléctrico
Uno de los vinilos instalado en un cuadro eléctricoMónica Patxot

Esta actuación forma parte dun plan máis amplo de mellora estética do centro urbano que inclúe a xa executada eliminación de cabinas telefónicas en desuso, a retirada de quioscos abandonados e de valos publicitarios non permitidos.

Os paneis, que cobren entre tres e catro caras dos cadros do alumeado segundo o modelo, teñen ademais unha función práctica: "ao estar debuxados, actúan como elemento disuasorio fronte aos grafitis", sinalou Moreda.

O proxecto destaca por combinar dous obxectivos: a mellora visual do espazo público e a divulgación do patrimonio histórico e cultural pontevedrés.

Segundo indicaba o concelleiro, esta iniciativa vai destinada ao centro urbano porque nas parroquias xa se fixo unha intervención de mellora anos atrás.

Vinilo onde aparece a figura de José Luis Torrado O Bruxo
Vinilo onde aparece a figura de José Luis Torrado O BruxoConcello de Pontevedra