Villares considera un despilfarro a construción da autovía A-57

Pontevedra
11 de abril 2018

O voceiro de En Marea, Luís Villares aproveitou a comparecencia do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo para recriminarlle que invista 1.200 millóns na construción dunha autovía "que xa existe"

O voceiro de En Marea, Luís Villares
O voceiro de En Marea, Luís Villares /

O voceiro de En Marea, Luís Villares aproveitou a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento para recriminarlle que invista 1.200 millóns na construción dunha autovía "que xa existe" lembrando a duplicidade de gasto que implicará a creación da A-57, un vial cun trazado paralelo ao da autoestrada AP9.

"Coa construción da A-57, que sería de uso gratuíto, a AP9 perdería a totalidade dos seus usuarios; provocando a quebra e, como xa é costume, o seu posterior rescate polo Estado. Polo tanto, os galegos gastaremos 1.200 millóns agora, construíndo a A-57; e logo 1.200 máis rescatando a AP9. A quen beneficia a construción desta infraestrutura pantasma, que o único que trae consigo é a duplicación de infraestruturas?", preguntoulle o voceiro de En Marea ao titular do goberno galego.

En Marea sinala que a Autovía do Atlántico A-57 discorre entre cidades que actualmente xa están unidas por unha vía de alta capacidade: a AP9. Polo tanto, entende que o máis intelixente para dotar ao eixo atlántico dunha conexión libre de peaxe sería a súa recuperación.

"A AP9 xa podía ser pública se o PP quixese" apuntou Villares, que lembrou que cando esa autoestrada "estaba a piques de amortizarse, no ano 2000, e podía ser revertida ao patrimonio público; Manuel Fraga e Francisco Álvarez Cascos acordaron prorrogar a súa concesión por 25 anos máis", dixo Villares.

O custo medio das autovías é, segundo datos do Ministerio de Fomento, de 6,9 millóns de euros por quilómetro construído. E "o custe de rescate da actual AP9 tería un montante similar ao de construción estimado da A57" o voceiro de En Marea; que se referiu ao proxecto deste novo vial como un "negocio redondo". 

Arquivado en