Abre en Vilanova o terceiro Polo de emprendemento da provincia

Arousa
13 de novembro 2024

A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego prestou axuda a máis de 2.800 proxectos empresariais desde xullo de 2022, dos que preto de 800 foron na provincia de Pontevedra

Inauguración do Polo de emprendemento de Vilanova de Arousa
Inauguración do Polo de emprendemento de Vilanova de Arousa / Xunta de Galicia

A Xunta inaugurou este mércores un novo Polo de emprendemento e de apoio ao emprego, o de Vilanova de Arousa, que supón o número 15 da Rede e o terceiro na provincia de Pontevedra.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán participou na posta en marcha desta nova oficina con sede no Pazo de Vista Real.

A súa misión é prestar de xeito gratuíto apoio e asesoramento a calquera persoa que desexe emprender un negocio en Galicia ou consolidar o que xa ten en funcionamento.

José González puxo en valor esta iniciativa autonómica que arrancou en xullo de 2022 e que conta, con esta nova apertura, con 15 polos activos, nos que xa se prestou asesoramento a máis de 2.800 proxectos empresariais en diferentes fases e realizou máis de 7.500 titorías.

O conselleiro sinalou, ademais, que o Polo de Vilanova contribuirá a reforzar aínda máis o tecido emprendedor da provincia de Pontevedra, sumándose á actividade que xa se viña desenvolvendo nos de Silleda e O Porriño, con preto de 800 proxectos atendidos.

En palabras de González, seguir impulsando as políticas de apoio ao emprendemento é unha prioridade estratéxica para a Xunta.

Neste senso, remarcou que en 2025 se seguirá reforzando esta área cun investimento global ao emprendemento de 32 millóns de euros, e con foco en colectivos prioritarios como a mocidade, os galegos retornados que contemplen ao autoemprego como vía para o retorno, os nómades dixitais ou o propio tecido comercial.