A Escola de Canteiros de Poio, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, está a traballar na talla dunha escultura da Virxe do Carme, que se instalará no Concello de Vilanova con motivo da saída desta localidade de La Vuelta a España.
As deputadas Begoña Estévez e Ana Isabel Vázquez, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, visitaron este xoves a Escola para comprobar os primeiros pasos desta talla. No transcurso da visita estiveron acompañados polo director executivo do centro, Enrique Velasco, que lles explicou a complexidade técnica da peza. Unha imaxe moi barroca e con numerosas figuras, xa que ademais da propia figura da virxe co neno en brazos, representa a varios mariñeiros pedindo o seu auxilio.
A talla, realizada en granito galego, terá unhas dimensións de dous metros e medio de alto, 1,40 metros de ancho e 1,10 de fondo, aproximadamente, así como un pedestal de 2 metros que se elaborará cunha combinación de restos de pedra. Á dificultade da peza en si mesma, engádese o feito de que se está a tallar sen un modelado previo, baseándose unicamente en fotografías, o que fai máis complexo o traballo. Unha vez rematada, situarase a uns 20 metros da lonxa nova de Vilanova.