Vilagarcía únese á rede de oficinas turísticas 'Info Rías Baixas' da Deputación

O Salnés
22 de xaneiro 2022

Esta adhesión permitirá á oficina de Vilagarcía de Arousa beneficiarse do acceso á utilización da Intranet de Turismo Rías Baixas, recibir apoio técnico, material de información actualizado así como titoría para obter distintivos de calidade

Carmela Silva e Alberto Varela asinan o convenio da rede de oficinas turísticas
Carmela Silva e Alberto Varela asinan o convenio da rede de oficinas turísticas / Deputación de Pontevedra

A oficina de turismo de Vilagarcía xa forma parte da rede de oficinas 'Info Rías Baixas', que xestiona a Deputación de Pontevedra.

Trátase dun grupo de "referencia de modernidade, dixitalización e calidade dentro do sistema turístico galego e mesmo español", destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, durante o acto de sinatura do convenio co alcalde vilagarcián, Alberto Varela.

Silva sinalou ademais a filosofía do proxecto turístico da Deputación, que acumula premios e recoñecementos como as Q de Calidade e premios ao mellor vídeo de promoción turística do mundo nas campañas de 2020 e 2021.

En canto á incorporación de Vilagarcía a estar rede, a presidenta explicou que é fundamental, porque é a terceira cidade da provincia e dálle un valor engadido a esta rede".

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía destacou o valor do acordo e recalcou que "tódolos concellos do destino Rías Baixas Pontevedra provincia son complementarios e cada un deles ten as súas virtudes, polo que o traballo conxunto é a vía para un turismo excelente". 

Esta adhesión permitirá á oficina beneficiarse do acceso á utilización da Intranet de Turismo Rías Baixas, recibir apoio técnico, material de información actualizado así como titoría para obter distintivos de calidade. Ademais, accederá ás axudas convocadas pola Deputación para a cobertura do persoal de información e adquirirá unha imaxe e cultura corporativa nun momento no que a institución provincial está implementando o proxecto europeo 'Tourist Inside' de dixitalización de tódalas oficinas.

Arquivado en