Diversión, bo humor, festa e sobre todo... auga. Vilagarcía foi escenario este mércores 16 de agosto, día de San Roque, da súa celebración máis popular, unha Festa da Auga absolutamente multitudinaria.
Nesta ocasión, tal e como avanzara o Concello, non había camións cisterna dos Bombeiros nin mangueiras, pero pouco importaba, pois as ganas de mollarse e de pasalo ben o compensaron con fartura usando cubos, pistolas ou calquera dispositivo posible, xunto á colaboración de veciños e comerciantes.
Despois dunha longa noite de celebración para algúns, que aguantaron sen pasar por cama, a Festa da Auga arrincou ás 11.45 horas da mañá co traslado da imaxe de San Roque ata a capela.
Era quenda para o pregón e o inicio da 'guerra' na zona húmida, momentos de celebración que se prolongaron durate unhas horas nunha xornada calorosa que acompañou a unha das festas máis seguidas de Galicia. Por algo está declarada de Interese Turístico Nacional.
XORNADA SEN INCIDENTES
Segundo confirmou o Concello de Vilagarcía, a xornada festiva na localidade transcorreu con relativa normalidade tendo en conta a grande afluencia de visitantes.
Ademais dalgunha queixa puntual por ruído e música nas zonas máis concorridas, engádense pequenos incidentes entre mozos nos que non foi necesario intervención policial.
No que respecta a os controis realizados pola Policía Local, soamente abríronse dilixencias contra dúas persoas por ter dado positivo en drogas.