Vilagarcía quere abrir un complexo de piscinas na praia da Concha-Compostela

O Salnés
30 de outubro 2020

As piscinas estarán na área de 7.600 metros cadrados comprendida entre a segunda e a terceira pasarela de madeira, vindo dende o piñeiral da Concha cara a Compostela. A modo orientativo, o custe máximo da obra proposta non poderá superar os 400.000 euros

Praia da Concha-Compostela, en Vilagarcía
Praia da Concha-Compostela, en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía

Ata medio cento de estudos de España e Portugal contactaron co Concello de Vilagarcía para mostrar o seu interese en deseñar o complexo de piscinas descubertas ao aire libre que o goberno municipal que abrir na praia da Concha-Compostela.

O autor da proposta gañadora obterá un premio en metálico de 7.000 euros, así como a adxudicación directa da redacción do proxecto construtivo e a dirección de obra, contrato valorado en 41.000 euros máis.

As piscinas estarán na área de 7.600 metros cadrados comprendida entre a segunda e a terceira pasarela de madeira, vindo dende o piñeiral da Concha cara a Compostela. A modo orientativo, o custe máximo da obra proposta non poderá superar os 400.000 euros.

Poderán proxectarse dous ou tres vasos descubertos, con subministro de auga da traída municipal tratada con solución salina, previndo o sistema de cobertura automático dos vasos para o seu peche nocturno e fora de tempada.

A proposta debe abordar o tratamento da contorna circundante ás piscinas, incluíndo zonas de descanso e sombra, primando as cuestións de accesibilidade, sustentabilidade, as hixiénico-sanitarias e a conexión coa praia. Tamén se deberán propor sistemas de iluminación, control, mobiliario urbano, xestión de residuos ou unha zona de vixilancia.

Ademais, os deseños deberán integrar o tramo da rede do carril bici que discorre paralelo ao paseo marítimo e o "carril running" ou sendeiro creado de forma natural no extremo oposto polas persoas que acoden a correr á praia.

A construción de piscinas ao aire libre na praia da Concha-Compostela é unha das propostas incluídas no programa que o Concello de Vilagarcía presentou para obter os fondos FEDER da Unión Europea.