O Rainbow Warrior, buque insignia de Greenpeace, apura xa as súas últimas horas en augas galegas. Este martes partirá do porto de Vilagarcía, no que atracou o pasado xoves; fará unha pequena parada fondeando fronte á Illa de Arousa; e poñerá rumbo a Francia para seguir coa súa campaña 'En marcha polo clima', que recalará en 15 portos de oito países. Antes de levar áncoras, deixou un balance que confirma a conciencia ambiental dos arousáns: foi a dársena con máis visitas do circuíto español.
A 'viaxe climática' do Rainbow Warrrior chegou a máis de 10.000 persoas nos tres portos nos que atracou en España: Vilagarcía, Barcelona e Málaga. Máis de 5.000, subíronse a bordo do buque mentres estaba atracado na dársena arousá, cifra que levou a María Prado, responsable da campaña, a agradecer o "esforzo" da poboación galega, que lles levou a superar todas as expectativas e sumar máis visitantes que Barcelona e Málaga.
Na véspera da súa partida, o colectivo ecoloxista organizou unha conferencia de prensa de peche dos 26 días de circuíto nos que, baixo o lema ‘En marcha polo clima’, demandou medidas urxentes contra a crise climática e lanzou a políticos, empresas e cidadanía a mensaxe ‘Cambia a enerxía, non o clima’. Estas son as súas peticións.
Esta viaxe de concienciación foi a bordo do lendario Rainbow Warrior (Guerrero do Arcoiris), o terceiro barco da organización que suca os mares baixo este nome, un veleiro construído coa tecnoloxía existente máis sustentable o que o seu capitán, o catalán Pep Barbal, destacou que é "o ideal para este circuíto", en tanto que serve de exemplo de alternativa enerxética ao navegar o 70% a vela, sen usar enerxía. Todas as persoas que se pasaron polo peirao do Ramal durante esta fin de semana puderon descubrir de primeira man, como é a vida a bordo do barco ecoloxista e cales son as solucións ao cambio climático.
A campaña de Greenpeace chega en plena onda de calor en moitos lugares de Europa e tras pechar un xuño do que María Prado destacou que foi o de temperaturas máis elevadas da historia da Humanidade. Estas cifras bastarían para confirmar que a Terra está a vivir un momento histórico, pero a responsable desta campaña aínda quixo dar máis datos e advertir que probablemente o mes de xullo baterá outro récord, de emisións de CO2.
Martín Barreiro, físico e meteorólogo en TVE, que leva 18 anos dando o tempo -en Galicia primeiro e a nivel nacional despois- confirmou que, aínda que algunhas persoas ou colectivos seguen empeñados en arroxar sombras sobre o cambio climático, é unha "evidencia" que pode comprobarse estes días con noticias como que París bateu os seus propios récords de temperatura e superou os de Madrid. "É dramático, fala do caos", sentenciou.
A crise climática está aquí e, para poñerlle freo, todas as persoas a bordo do Rainbow Warrior coinciden en que é necesaria a actuación urxente dos gobernos e o sector económico, pero tamén a acción individual da cidadanía. Así, o buque insignia de Greenpeace busca denunciar a crise climática, sinalando as súas causas, consecuencias e responsables, á vez que esixe e propón solucións.
Ante a falta de acción política, a cidadanía está a tomar as rendas e este luns en Vilagarcía alzaron a voz dúas que cobraron moita relevancia nos últimos tempos: o movemento xuvenil Fridays for Future e a iniciativa a nivel educativo Teachers for Future.
En nome do movemento xuvenil, Silvia Mete, de tan só 16 anos, quixo sacudir conciencias e asegurar que, fronte ao cambio climático, "temos os medios necesarios, temos os coñecementos necesarios, o único que non temos son escusas". Ademais de arengar á xente máis nova asegurando que "somos máis capaces e temos máis forza que o que cremos", a portavoz de Fridays for Future Galicia tamén pediu ao resto da sociedade que non lles roube o seu futuro, pois "queremos ter soños a longo prazo, non queremos que se torren cos cambios de temperatura".
Miriam Leirós, coordinadora de Teachers for Future en Galicia, demandou que tamén na etapa educativa se empezo a facer fronte ao cambio climático. Pode facerse a través da educación ambiental nas aulas e tamén a través de pequenos xestos como 'Recreo Residuos cero' que chama a que os escolares leven a súa merenda en recipientes sustentables ou poñendo en marcha nos 28.000 centros educativos españois a figura do responsable de sustentabilidade, que controle, por exemplo, o consumo de auga ou folios.
A asesora de democratización da enerxía de Greenpeace, Sara Pizzinato, incidiu na importancia da acción individual e en que non é necesario ser economista nin científico para poñer en marcha iniciativas de fomento das enerxías renovables. Calquera persoa con aforros de entre 50 e 100 euros pode poñer en marcha proxectos. Tan só necesita visitar a web de Greenpeace.
Desde Galicia tamén se pode facer moito. Tal e como insistiu Maria Prado, é unha comunidade "tremendamente privilexiada" en recursos naturais, cunha "inmensa riqueza ecolóxica" na que os culpables do cambio climático teñen nomes e apelidos: as dúas centrais térmicas de carbón de Naturgy en Meirama e de Endesa nas Pontes.
Esta última é o maior foco de emisión de C02 de toda España, o 17 de toda Europa. Fronte a esta realidade, aseguran que, no horizonte de 2050, Galicia tería capacidade para xerar electricidade suficiente para cubrir 30 veces a súa demanda enerxética. Para iso, é necesario empezar a poñer en marcha iniciativas como a que este martes levará a Greenpeace ata A Illa de Arousa, un proxecto europeo que aspira a convertela nunha illa 100% renovable e independente dos combustibles fósiles.