Vilagarcía peonalizará a Praza de Galicia en 2017

O Salnés
21 de setembro 2016

Un dos principais espazos urbanos de Vilagarcía de Arousa será peonalizado durante o ano 2017. Trátase da Praza de Galicia -actualmente xa con prioridade para os peóns-, que se pechará por completo ao tráfico rodado

Praza de Galicia en Vilagarcía
Praza de Galicia en Vilagarcía /

Un dos principais espazos urbanos de Vilagarcía de Arousa será peonalizado durante o ano 2017. Trátase da Praza de Galicia -actualmente xa con prioridade para os peóns-, que se pechará por completo ao tráfico rodado.

Así o anunciou este mércores o goberno municipal, que recorda que se dará cumprimento dese xeito á intención do Concello de estender as humanizacións dende o centro cara fóra, eliminando así gradualmente o tráfico rodado no corazón da cidade; e planificar as actuacións de xeito que se evite a existencia de illas peonís, sen conexión con outras zonas.

A próxima humanización da Praza de Galicia responde a estes dous criterios, segundo sinala o alcalde, Alberto Varela.

É, recordou, un espazo central dentro da trama urbana e as obras contribuirán a unir dúas zonas agora peonís -Rey Daviña ata a metade da praza e a outra metade da praza ata Vistalegre- só divididas polo viario que permite o paso de coches pola praza cara Conde de Vallellano ou Arcebispo Lago.

Coa nova ordenación, calquera persoa poderá trasladarse a pé dende Vistalegre ata a praza da Constitución, coa seguridade de que os únicos vehículos cos que poderá atoparse serán os dos servizos públicos ou emerxencias e, chegado o momento, cos dos propietarios de garaxes. 

O proxecto técnico de peonalización está aínda por definir, pero a intención do goberno de Alberto Varela é poder executalo no ano 2017, ben a través dos presuposto municipal, ben a través doutras administracións ou ben combinando ambas posibilidades.

Esa primeira fase do plan de humanización incluirá a praza de Galicia dende a esquina de Padre Feijóo ata a esquina fronte a Abanca, xa dentro da propia praza, de maneira que o único tráfico que habería dende entón sería o que viñera de Conde de Vallellano cara Arcebispo Lago.

Nesta primeira fase se incluirá tamén unha parte da praza da Independencia, en concreto todo a fronte entre o colexio das franciscanas e o supermercado Gadis e a súa perpendicular cara Arapiles. Deste xeito, os vehículos que veñan da praza de España só poderán xirar á dereita ao chegar a Padre Feijóo para "subir" directo cara San Roque ben ou xirar á esquerda cara Arapiles.

Trátase, en definitiva, de que a Independencia adquira o seu verdadeiro aspecto de praza, "e non como agora que case funciona como rotonda, gañando en seguridade para os rapaces que acoden ao colexio das franciscanas e en accesibilidade para os comercios da zona", destacou o alcalde. A intención do goberno local é que toda esta praza sexa peonil, unida á de Galicia a través de Padre Feijóo, tamén exenta de tráfico rodado.