Vilagarcía non terá Entroido nas mesmas condicións que en anos anteriores. A pandemia que xa obrigou a suspender todo tipo de actividades culturais e de lecer nos últimos meses tamén afectará a esta celebración e o Concello decidiu non organizar actividades presenciais. Para manter a tradición, si levará a festa ás redes sociais.
Desta maneira, a Concellería de Cultura adapta o Entroido ás circunstancias impostas pola pandemia con dúas citas virtuais: unha edición especial e haberá un Certame Virtual de Máscaras e unha Choqueirada Virtual.
A concelleira de Cultura, Sonia Outón, lembra que na situación sanitaria actual "toca vivir un Entroido na casa", dado que as actividades masivas e nas rúas son totalmente inviables, pero fai un chamamento á participación dos vilagarciáns nestas citas culturais "para crear un lugar de encontro seguro no que a veciñanza comparta esta celebración tan nosa e para que o Entroido non pase desapercibido".
O Certame Virtual de Máscaras está destinado ás familias que teñan rapazada de 3 a 12 anos. Xoga co dobre sentido da palabra máscara en galego, que se refire tanto á típica careta de Entroido como ás máscaras sanitarias obrigatorias pola pandemia.
O formato é totalmente libre, igual que os materiais a utilizar, co obxectivo de fomentar a creatividade e orixinalidade dos traballos. Unha vez se teñan confeccionadas as máscaras, deberán sacarlle unha foto e remitila, xunto coa solicitude de inscrición debidamente cuberta, ao correo [email protected]. O prazo ábrese este mércores 3 de febreiro e remata o día 10.
As fotografías enviadas polos participantes serán difundidas nas redes sociais do Concello entre o 13 e o 16 de febreiro, é dicir entre o sábado e o martes de Entroido.
A actividade non ten carácter competitivo e non se establecen premios, pero todos os participantes recibirán de agasallo un exemplar dunha edición especial de Os Bolechas. O conto recollerá nunha parte o Entroido tradicional galego e noutra fará referencia á celebración de Vilagarcía. A Concellería de Cultura contará cunha tirada de 1.000 exemplares.
O Entroido 2021 tamén servirá á Concellería de Cultura a continuar co traballo realizado nos últimos anos para promocionar ao choqueiro, a figura típica e tradicional do Entroido máis popular de Galicia. Para logralo, convocaron unha Choqueirada Virtual na que a cidadanía terán que disfrazarse nas súas casas e colgar nas súas contas de Instagram unha "historia" incluíndo nela a etiqueta @vilagarciaviva. O Concello compartirá no seu perfil as historias de choqueiros máis divertidas ou orixinais. Esta difusión farase tamén entre o 13 e o 16 de febreiro.