O cociñeiro José Jamardo do restaurante Lamarta, en Vilagarcía de Arousa, será un do seis mellores chefs de hamburguesas de España que se enfrontarán no Burger Combat.
O evento terá lugar o próximo 7 de abril na apertura do prestixioso Salón Gourmets de Madrid.
Trátase da V Edición da Burger Combat na que este establecemento vilagarcián xa competiu o pasado ano, xusto cando irrompía no panorama gastronómico local.
Segundo explican os responsables de Lamarta, a súa filosofía consiste en "democratizar a boa mesa con elaboracións que non discriminan petos nin padais".
O Burger Combat leva cinco anos celebrándose e está organizado por unha multinacional sueca de panadaría premium que transforma os fogóns nun auténtico ring.

Baixo a presión do cronómetro, cada chef disporá de 20 minutos para conquistar o padal do xurado con creacións que desafían os límites do convencional.
Nesta edición, do mesmo xeito que o ano pasado, a competición introduce un elemento sorpresa: ningún participante coñecerá até o momento crucial que pan deberá utilizar para a súa preparación culinaria.
O Salón Gourmets é a feira de alimentación e bebidas de calidade, un dos referentes máis prestixiosos do mundo que presenta o mellor escaparate de tendencias de alta gama.
Cunha traxectoria de 37 edicións, cifras crecentes e un espírito netamente comercial, é a plataforma máis visitada e un encontro de profesionais nacionais e internacionais do sector gastronómico: restauración, hostalaría, distribución, catering e comercio especializado.