Vilagarcía encarga un plan de xestión e inventariado das árbores dos parques da Coca e Xunqueira

O Salnés
25 de xullo 2024

Trátase dun traballo similar ao realizado anteriormente nos Xardíns de Ravella, e nos parques da Compostela, Alameda, Praza de España e Valdés Bermejo

Parque urbano en Vilagarcía
Parque urbano en Vilagarcía

O Concello de Vilagarcía vén de contratar un servizo de consultoría e asesoramento especializado para a axeitada xestión e conservación das árbores dos parques e zonas verdes municipais. 

O contrato adxudicouse á empresa Arbogal por importe de 12.039 euros e inclúe tanto a realización de plans de xestións para os exemplares dos parques da Coca e A Xunqueira, como as labores de revisión e mantemento dos parques anteriormente avaliados e que xa dispoñen de plans semellantes.

O coidado e conservación das especies arbóreas dos parques e zonas verdes municipais co obxectivo de mantelas en bo estado e garantir a seguridade da cidadanía é unha das liñas de actuación na que a Concellería de Medio Ambiente, a través do servizo de Xardíns, leva traballando dende hai uns anos de forma directa e contando coa colaboración e o asesoramento externos de técnicos especializados en arboricultura.

Como xa se fixera hai uns anos nos parques da Compostela e Enrique Valdés Bermejo, nos Xardíns de Ravella, na Praza de España e na Alameda, os especialistas de Arbogal avaliarán unha por unha ás árbores da Coca e da Xunqueira coa finalidade de inventarialas e elaborar fichas individualizadas nas que se inclúan todos os datos de interese (identificación e descrición da especie, localización, estado de saúde, intervencións realizadas, tratamentos, recomendacións…). Este traballo permitirá facer un seguimento pormenorizado dos exemplares, detectar posibles afeccións dun xeito máis rápido e determinar as actuacións necesarias coa maior brevidade.

A maiores destes plans de xestión, dentro deste mesmo contrato, Argobal tamén revisará e fará seguimento das árbores dos parques que xa contan con estudos previos -Matosinhos, Alameda, Praza de España e Ravella- e realizará as tarefas de poda e tala en altura que se vaian precisando. Para a execución destes últimos traballos disporase de dous arboristas.

O seguimento constante e as intervencións nestas zonas, ademais de para mellorar a súa conservación, serven para previr riscos de desprendementos e roturas que poderían causar danos materiais ou persoais. De aí que as labores preventivas sexan imprescindibles.