Vilagarcía contratará a cinco traballadores para formar a brigada contra incendios forestais

O Salnés
20 de xullo 2024

Precísase un xefe de brigada, un condutor e tres peóns forestais. A duración do contrato é de 3 meses

Brigadas traballando na extinción dun incendio forestal
Brigadas traballando na extinción dun incendio forestal / Diego Torrado

Vilagarcía volverá a contar este verán cunha brigada de prevención de incendios forestais a través do convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Consellería de Medio Rural e no marco do Programa Temporal 2024. 

A brigada estará composta por cinco traballadores, que serán contratados durante tres meses para desenvolver as tarefas de prevención e extinción lumes nos montes do municipio. A selección do persoal levarase a cabo o día 24 de xullo no Auditorio Municipal.

Os interesados deben presentarse alí coa documentación que se indica nas bases dispoñibles da web e na sede electrónica do Concello.

OBRAS NA PRAZA DA VERDURA

Por outra banda, a mellora e modernización das prazas de abastos de Vilagarcía continuará de contado cos traballos que vén de contratar o Concello para potenciar a economía circular e fomentar a alimentación e hábitos saudables nos mercados públicos municipais. 

Con esta finalidade, a Xunta de Goberno adxudicou o pasado luns á firma Revcom Energías Renovables o acondicionamento do pavillón da verdura por importe de 169.466 euros.

O proxecto redactado polo arquitecto Alberto Redondo –autor tamén da nova biblioteca- finánciase cos fondos Next Generation.