Vilagarcía aforra 100.000 euros na demolición do edificio da antiga Comandancia

O Salnés
26 de decembro 2022

Os traballos de derribo, limpeza da parcela e xestión de residuos adxudicáronse á empresa Excavaciones J. Carreira por 149.315 euros, impostos incluídos

Edificio da antiga comandancia en Vilagarcía
Edificio da antiga comandancia en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

A liberación da parcela destinada a albergar o novo centro de saúde de Vilagarcía está a piques de converterse en realidade. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns adxudicar os traballos de demolición do edificio da antiga Comandancia de Mariña á empresa Excavaciones J. Carreira S.L. por importe de 149.2315 euros. 

A oferta desta empresa foi a mellor valorada entre as 13 que optaban ao contrato que se licitaba por importe de 249.691 euros, polo que o Concello aforrou nesta actuación 100.376 euros.

A adxudicación desta obra permitirá que o Concello acometa a principios de ano a demolición da Comandancia, actuación que se poderá levar a cabo tras firma da compra-venta dos terreos propiedade da Autoridade Portuaria por parte do Concello. Este trámite realizarase de xeito inminente ao dispor xa o Porto de todos os informes necesarios para rematar a tramitación. Como xa se sabe, o Concello abonará ao Porto 1.157.406 euros pola adquisición da parcela que conta cunha superficie algo superior aos 5.000 metros cadrados.

O seguinte paso será demoler o inmoble e despexar os terreos para poñelos a disposición da Xunta de Galicia a efectos de que a Consellería de Sanidade cumpra a segunda parte do acordo: a construción e dotación do novo centro de saúde.

Unha vez adxudicadas as obras de demolición e asinado o contrato, a adxudicataria disporá dun prazo de dous meses para executar o derribo e deixar a parcela libre de escombros. A superficie estimada a demoler acada os 2.907 metros cadrados, mentres que volume estrutural suma os 9.011 metros cadrados.