O Concello de Vilagarcía acollerá en apenas seis días dous actos solidarios en favor dos refuxiados que fuxen da guerra de Siria.
Así, o domingo 16 o Salón García acollerá a estrea do documental "Astral", realizado polo xornalista Jordi Évole e o seu equipo de "Salvados".
Pola súa banda, o venres 21 o auditorio municipal servirá de escenario para unha gala benéfica protagonizada por sete humoristas: Tito Rober, David Amor, Pepo Suevos, Oswaldo Digón e o trío Los Mecánicos.
No primeiro caso, os beneficios irán destinados á ONG "ProActiva Open Arms" e no segundo, aos bombeiros asociados a Asistencia Integrada de Rescate en Emergencia (AIRE).
O documental "Astral" será proxectado o domingo ás 20:00 horas. O prezo das entradas, que poderán adquirirse dende unha hora antes na propia Casa da Cultura, é de 5 euros, que irán directamente para a ONG Proactiva.
O "Astral" é un veleiro de 30 metros construído nos anos 70 que sempre se usou como un luxoso barco de recreo. Ata que na pasada primavera o seu dono, consciente de que nese mesmo mar polo que navegaba morrían cada ano miles de refuxiados intentando chegar a Europa, cedeuno a ProActiva. Tras un complexo proceso de remodelación, o "Astral" converteuse en barco de vixilancia e salvamento e zarpou rumbo ás costas de Libia para levar a cabo a que sería a súa primeira misión de rescate cun equipo de Salvados a bordo.
Pola súa banda, a gala benéfica dos humoristas se desenvolverá o venres 21 no auditorio, a partir das 21,30 horas. Os prezos son de 10 euros en venda anticipada, máis gastos de xestión e 12 no mesmo día da gala. Tamén existe unha "fila 0" ao prezo de 5 euros. Os fondos recadados se destinarán á ONG creada por un grupo de bombeiros galegos que actúan nas costas de Grecia en apoio dos refuxiados sirios.