Para festexar o festivo local, o Concello de Vilaboa propón unha axenda de eventos para a fin de semana.
O programa comeza o venres cun magosto popular a partir das sete da tarde, onde os asistentes poderán comer castañas de balde, amenizados por un grupo de música tradicional.
Na xornada do sábado tócalle o turno á compañía Migallas Teatro que representará a obra "Pegadas de Castelao", que terá lugar ás seis da tarde na Casa de Cultura de Riomaior.
E como broche final, durante todo o domingo está prevista unha "Feira de Agricultura e Artesanía", que terá lugar no adro das festas do Toural, ao lado do concello. Este evento brinda a posibilidade de disfrutar dunha xornada festiva, gastronómica pero tamén de aprendizaxe, pois haberá dous destacables obradoiros. Un pola mañá coa recoñecida cociñeira e blogueira Rocío Garrido Caramés, autora do blog "La cocina de mi abuelo", que ten publicado ultimamente un libro de repostería galega. E pola tarde un obradoiro para a construcción caseira de trampas que axuden a loitar contra a vespa velutina.
Ao mesmo tempo durante o día haberá actividades para crianzas e acompañamento de música tradicional. Os asistentes poderá adiantar as compras de Nadal, coñecer o producto local e saborear os manxares que se prepararán. A feira celebrarase nunha carpa.