O Concello de Vilaboa fixo oficial este venres a suspensión de todos os actos previstos de celebración do entroido deste ano 2021. A actual crise sanitaria obrigou a tomar esta determinación e desde o goberno local animan ao tecido cultural de Vilaboa, especialmente á Asociación Cultural de Cobres, a continuar traballando coa vista posta na celebración do próximo ano.
"Que saibamos desde principios do século XVIII vense celebrando o noso Entroido de Cobres. Polo que coñecemos, foi só durante a Guerra Civil que os traxes quedaron nos armarios. Era tempo de loito, e hoxe tamén é tempo de loito. Desta vez a causa é unha pandemia mundial que nos arrebata a posibilidade de xuntarnos e disfrutar desta festa tan fermosa". Con este emotivo e dura mensaxe, comunican a suspensión dun dos entroidos máis vistosos e históricos da provincia.
A pesar da pena, a Asociación Cultural de Cobres lanza unha mensaxe de ánimo. "Gardamos toda a nosa enerxía e forza para traballar en que cando o volvamos celebrar, o fagamos ao grande. Esperando estar a altura da grandeza desta festa e contando sempre con todos e todas vós. Porque o entroido facémolo entre todos", rematan.