O orzamento municipal de Vilaboa para o ano 2025 reservará unha partida de 414.500 euros para acometer diferentes obras e melloras en todas as parroquias do municipio.
A estes cartos, segundo destaca o alcalde, César Poza, hai que sumar outros 240.000 euros para a limpieza e funcionamento da rede de saneamento, o que fai un total de 654.500 euros.
As contas para 2025 recollen tamén un investimento importante na mellora de infraestruturas utilizadas a diario pola poboación infantil, destacando 40.000 euros para obras de reparación nas escolas infantís e outros 40.000 para unha pista de pump track na canteira de Paredes.
Outros 30.000 euros para saneamento, 48.000 euros para acondicionar o miradoiro do Monte do Cabalo ou 45.000 para a recuperación do muiño do Toxal no río do Gafos forman tamén parte das actuacións previstas para este ano 2025.
O investimento en terreos e na mellora de infraestruturas suman unha partida de 110.000 euros nun orzamento que recolle partidas simbólicas para obras importantes como son a reforma da Casa de Cultura de Riomaior e a remodelación do parque público situado ao seu carón.
Outra partida importante recollida no documento económico é a que corresponde ao servizo de limpeza da rede de saneamento e que ascende a 240.000 euros, unha actuación pensada para evitar desbordamentos e filtracións.
A dotación dunha extensa rede de abastecemento de auga a todo o municipio é un dos retos que se prantexa o goberno local e que depende, en grande medida, da posta en marcha do ente supramunicipal liderado por Acuaes e que permitirá achegar ata Vilaboa a captación do río Lérez.
Para participar neste proxecto o orzamento de Vilaboa recolle unha partida de 55.000 euros.
A modificación puntual do PXOM conta tamén cunha partida específica de 15.000 euros que facilitarán a súa tramitación para corrixir erros puntuais detectados en diferentes aspectos do planeamento.