Vilaboa reivindica atención para as mulleres rurais na entrega do Premio 8M a María Otero

Vilaboa
16 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

María Otero, coñecida como "Susa", recibiu o Premio 8M que entrega anualmente o Concello de Vilaboa, un galardón que serve como recoñecemento a unha vida dedicada ao traballo, moitas veces "pechado tras os muros dunha finca", segundo ela mesma recoñeceu

Entrega do Premio 8M a María Otero
Entrega do Premio 8M a María Otero / Concello de Vilaboa

María Otero, coñecida como "Susa", recibiu o Premio 8M que entrega anualmente o Concello de Vilaboa, un galardón que serve como recoñecemento a unha vida dedicada ao traballo, moitas veces "pechado tras os muros dunha finca", segundo ela mesma recoñeceu.

A homenaxeada, que compartiu o premio coas persoas asistentes a este acto, asegurou que que "non fixen nada de especial para merecelo", salvo traballar, dentro e fóra da casa, cultivar o seu agro e formar unha familia con tres netos que a acompañaron nesta sentida ocasión.

Cargada de emoción, "Susa" recibiu a estatuíña Muller das Salinas, creada pola artista Irene Silva Xiráldez como emblema deste premio, creado para recoñecer a labor anónima das mulleres rurais do municipio de Vilaboa.

No acto, o alcalde César Poza e a concelleira de Igualdade, Carmen Gallego, reivindicaron máis atención por parte das administracións para as mulleres do rural e para as mulleres coidadoras "que sacrificaron a súa vida polos demais", apostando polos coidados públicos. 

"Susa" foi, segundo destacaron, "unha muller como tantas outras", que non foron durante moito tempo obxecto de atención por parte dos poderes públicos, a pesar do traballo e sacrificio que fixeron durante toda a súa vida.

Así, ambos os dous dirixentes sostiveron que é preciso liberar ás mulleres do traballo no fogar sen compensacións, porque "non se pode asumir mansamente a inevitabilidade da organización familiar milenaria, con remendos do tipo agora os homes axudan na casa".

Ademais, defenderon tamén que debe ser a sociedade a que debe garantir os dereitos cos investimentos en servizos e institucións sociais e non deixar á responsabilidade privada das familias e das empresas a protección da maternidade e do traballo das mulleres. 

"Susa é un vivo exemplo do que acabamos de describir e con esa xeración ten que acabarse a descarga nas costas das mulleres da responsabilidade de construír unha sociedade máis xusta e mais igualitaria, obriga das institucións", sentenciou Carmen Gallego.

O acto contou tamén cun apartado musical da man da aula de piano da Escola de Música de Vilaboa, dirixido pola profesora Michelle Pena González, que interpretou de catro pezas do programa En clave feminina.