Vilaboa recuperará o petróglifo de Areeiros e o interior do Forno da Cal

Vilaboa
21 de outubro 2023

Trátase de dous elementos singulares no municipio que se atopan actualmente en mal estado e precisan unha rehabilitación para recuperar a visibilidade e evitar o desmoroamento  

Forno do Cal en San Adrián de Cobres
Forno do Cal en San Adrián de Cobres / Concello de Vilaboa

O Concello de Vilaboa iniciará a recuperación do petroglifo do Chan de Areeiros, incluído no sendeiro dos Petroglifos de Cobres, e o interior do Forno de Cal, elemento único do patrimonio etnográfico das Rías Baixas.

Trátase de dous elementos singulares no municipio que se atopan actualmente en mal estado e precisan unha rehabilitación para recuperar a visibilidade e evitar o desmoroamento.

No caso do petróglifo do Chan de Areeiros, a vexetación e ás diferentes capas bioxénicas impiden totalmente a súa visibilidade, perdendo un elemento fundamental do sendeiro no que precisamente é un reclamo.

Este petróglifo, segundo consta no PXOM, caracterízase por ser "unha laxe situada nun contorno forestal a base de eucaliptos e piñeiros no que se aprecian labores de cantaría. Nela insculturáronse tres cérvidos (un deles astado e cunha lanza clavada no lombo), un antropoformo e un motivo xeométrico a base de clrculos concéntricos que aparece moi danado (desplacamento) por causa do lume".

Este traballo de recuperación terá varias fases, comezando pola delimitación da contorna e a roza manual, con control arqueolóxico, da vexetación inmediata aos paneis. Despois procederán á limpeza manual da suciedade máis daniña que cubre os paneis dos gravados, actuarán sobre a pedra e levantarán un 3D do petroglifo que facilite a comprensión deste elemento arquitectónico e instalarán novos paneis informativos.

En canto ao Forno de Cal, a rehabilitación que se realizou este ano deixou ao descuberto o sistema de combustión que se atopa en mal estado e que é necesario rehabilitar e restaurar para evitar o seu desmoroamento. Nesta actuación está contemplado o rexunte das paredes internas e a colocación dunha porta de acceso ó mesmo que garanta baixo situacións controladas e por motivos de limpeza, o acceso ó interior do mesmo.

Esta serie de traballos permitirán a musealización do Forno a través da consolidación dos muros de adobe da parrilla do forno; o recebado dos muros interiores do forno que quedaron sen selar; a realización dun recheo concertado tinguido, emulando un estrato de superficie queimada, incorporando incluso carbóns ou madeiras e pedras calizas, para a mellor comprensión deste espazo e a remodelación das reixas de peche que ten na actualidade.

César Poza, alcalde de Vilaboa, indicou que estas dúas actuacións continúan a liña de traballo iniciada no anterior mandato de basear a promoción turística do municipio na promoción dos seus elementos patrimoniais tanto naturais como arqueolóxicos.

A actuación está financiada pola Axencia de Turismo de Galicia cun orzamento de 28.713 euros.