O goberno local de Vilaboa presentará ao pleno do luns o proxecto de orzamento municipal para 2024 que ascende a 4.226.076 euros.
O alcalde, César Poza, destaca que este orzamento "contribúe á protección social, a dinamización económica e mellora na prestación dos servizos".
Destaca o incremento das partidas en persoal, investimentos, subvencións e gastos correntes grazas ao aumento das previsións de ingresos derivadas, en gran parte, do incremento en 413.000 euros do IBI que este ano aboará Audasa, tras 25 anos de bonificacións á concesionaria da autoestrada AP-9.
Sen embargo o goberno local alerta do "lastre económico" que supoñen para as arcas municipais servizos asumidos polo Concello "que resultan altamente gravosos e deficitarios e que son competencia da Xunta de Galicia", coma o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), os custos de mantemento do Centro de Saúde ou do colexio do Toural, que ten ensino secundario.
No caso do SAF, o alcalde, César Poza, recorda que en municipios de menos de 20.000 habitantes é responsabilidade da administración autonómica a prestación deste servizo.
En Vilaboa o seu custo por hora é de 20,53 euros (IVE incluído) e a aportación da Xunta de Galicia é de 12 euros, debendo asumir o restante o Concello e as persoas usuarias. "Tal situación xera que cada ano o Concello aporte máis recursos propios para facer fronte a estes custos. Ademais no pasado exercicio de 2022 a empresa que viña prestando o servizo rematou o seu contrato, co cal na negociación da nova prestación do servizo teremos que soportar aínda máis carga dado que o incremento de custos provocados pola conxuntura económica vaise trasladar ao prezo deste servizo, polo que o crédito da súa aplicación orzamentaria chega aos 377.000 euros", manifestou o alcalde.
No capítulo de prestacións sociais cabe destacar o pago a SOGAMA polo lixo xerado, aínda que a compostaxe en Vilaboa reduce cada ano a factura que para 2024 está prevista en 140.000 euros.
O orzamento recolle tamén un incremento de 128.200 euros para cubrir as retribucións do persoal e os créditos correspondentes á aportación municipal para a contratación de persoal no marco dos programas de Cooperación da Deputación de Pontevedra e Aprol Rural.
No apartado de investimentos destaca a restauración do Muiño do Toxal, avance nos parques do Canaval en Figueirido e no de Riomaior, o mirador no Monte do Cabalo e a continuidade da rede de saneamento, entre outras moitas actuacións.