Analizar as demandas que Vilaboa quere presentar ante a Xunta de Galicia nesta nova lexislatura. Ese foi o motivo do encontro que mantivo o alcalde de Vilaboa, César Poza, coa nova delegada territorial en Pontevedra, Luisa Piñeiro.
Neste contacto, o rexedor demandou da Xunta un proxecto para potenciar o Lago de Castiñeiras, desenvolvendo rutas como as das mámoas ou o propio miradoiro deste lugar.
Ambos responsables políticos tamén analizaron a necesidade de ampliar o porto de San Adrián de Cobres, pola demanda de amarres que realizan os máis de 50 barcos bateeiros que atracan nel. O proxecto xa foi presentado hai tempo ante Portos de Galicia.
Ademais, César Poza trasladou a Luisa Piñeiro a súa preocupación pola situación económica actual e destacou a necesidade de impulsar o valor turístico de Vilaboa, en especial, os seus recursos medioambientais e culturais como son As Salinas, o Camiño Xacobeo, as igrexas de San Martiño e de Paredes, así como os roteiros dos muíños ou a ensinada de San Simón.
A posta en marcha dun obradoiro de emprego no concello ou a potenciación do Entroido de Cobres foron outros dos temas que se analizaron nesta xuntanza.