Vilaboa pecha o ano con 20.000 euros en subvencións a actividades culturais e deportivas

Vilaboa
28 de decembro 2021

A Escola de Música de Vilaboa recibe algo máis de 7.000 euros para gastos de mantemento, a Asociación Cultural Cobres percibe case 5.000 euros pola promoción e difusión da tradición cultural do concello, 5.000 euros destínanse aos comedores escolares e 4.000 ao Club Náutico de Cobres para a mellora das súas instalacións

Concello de Vilaboa
Concello de Vilaboa / Google Street View

O Concello de Vilaboa informa de que durante este 2020 realizou un investimento de algo máis de 20.000 euros en axudas e subvencións a actividades culturais e de interese para o conxunto da veciñanza. Entre outras, entidades culturais, deportivas e os comedores escolares.

En materia cultural, e seguindo uns criterios de reparto de concorrencia competitiva, a Escola de Música de Vilaboa recibe algo máis de 7.000 euros para sufragar parte dos gastos de mantemento da propia entidade. Neste apartado, a Asociación Cultural Cobres percibe case 5.000 euros pola súa promoción e difusión da tradición cultural do concello de Vilaboa.

Pola súa banda, os comedores escolares contan co respaldo do Concello desde a súa posta en funcionamento. O alcalde, César Poza, considera que son "claves para a conciliación das familias traballadoras", sen esquecer, apuntaba, que permiten mellorar a educación nutricional dos escolares.

O apoio municipal durante 2020 aos comedores escolares tradúcese nunha partida de 5.000 euros, que se distribúe entre as ANPAs do CEP Plurilingüe de Riomaior e o CPI do Toural.

Por último o Concello concede tamén unha axuda ao Club Náutico de Cobres de 4.000 euros destinada á mellora das súas instalacións. A forte demanda da actividade desta entidade deportiva está a xerar unha importante expansión do club, que afronta unha ampliación do ximnasio ao quedarse pequeno ante o crecente volume de deportistas de diferentes categorías que adestran nas súas instalacións.