O Concello de Vilaboa reasfaltará a vial de Pousada, en San Adrián e o de Coruxeiro, en Vilaboa, cun importe superior aos 63.000 euros co Plan Marco, que garante a mellora de camiños de titularidade municipal de acceso a parcelas agrícolas.
Este investimento facilitará o paso a 16 fincas no caso de Pousada e a 13 en Coruxeiro.
Trátase dunha actuación de mellora que consiste no tendido dunha nova capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor así como na canalización das augas pluviais. Limparanse e perfilaranse as cunetas existentes e executaranse obras de drenaxe lonxitudinal coa renovación de medios nos tramos que sexa necesario.
Ademais, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, na medida do posible ampliarase a sección da calzada gañando a superficie dalgúns sobreanchos.
A maiores, na zona de Pousada para salvar algúns desniveis do terreo e para garantir a seguridade viaria farase un muro de contención granítico que funcionará tamén a modo de banco.
A actuación nestas pistas complétase coa execución de lombos redutores de velocidade e pintado de marcas laterais de calzada mediante pintura reflectante e microesferas de vidro, así como marcaxe de letreiros para sinalización horizontal. Tamén se colocarán sinais de tráfico verticais en poste galvanizado.
Para César Poza, alcalde de Vilaboa, a mellora destes dous novos viais, nos que as obras se realizarán a finais deste ano, reforza a calidade da rede viaria municipal, dando prioridade a aquelas que conectan os principais núcleos de poboación pero sen esquecer as pistas secundarias que dan acceso a parcelas de explotación agraria.
Poza recoñece que nun municipio tan grande en extensión e con núcleos tan dispersos resulta complexo para a administración local manter todas as carreteras en óptimas condicións. "Pouco a pouco iremos actuando en todas, mellorando o firme e sobre todo implementando medidas de calmado do tráfico e de seguridade para os peóns", dixo Poza.