Vilaboa fará unha auditoría de toda a rede de saneamento para localizar infiltracións

Vilaboa
17 de xullo 2024

Un dos problemas máis importantes na xestión do sistema de saneamento é a entrada de altos volumes de infiltración de augas brancas, augas do mar e augas pluviais aos colectores. Esta situación provoca problemas de funcionamento

Vista de leiras en Vilaboa
Vista de leiras en Vilaboa / Concello de Vilaboa

O goberno municipal de Vilaboa tomou a decisión de encargar unha auditoría das redes de saneamento de todo o concello para detectar os puntos de funcionamento incorrecto e implementar actuacións para optimizar o seu rendemento.

Unha subvención de Augas de Galicia de case 15.000 euros facilitará a cofinanciación da execución da auditoría das redes de saneamento para a detección de infiltracións.

Vilaboa conta cunha extensa rede de saneamento, con máis de 89 quilómetros de colectores e 21 estacións de bombeo.

Un dos problemas máis importantes na xestión do sistema de saneamento é a entrada de altos volumes de infiltración de augas brancas, augas do mar e augas pluviais aos colectores.

Esta situación provoca problemas de funcionamento, posibles alivios do exceso de caudal e sobrecustes eléctricos dos bombeos e na xestión.

A execución da auditoría servirá para coñecer en detalle as deficiencias existentes e realizar unha proposta concreta e priorizada de medidas correctoras para reducir estas infiltracións nas redes de saneamento.