Vilaboa destinará a "proxectos urxentes" os 2,47 millóns de remanentes das contas de 2024

Vilaboa
05 de abril 2025

Esta solvencia financieira de Vilaboa permitiu ao goberno local incrementar no 2024 os investimentos un 68,55% con respecto ao exercicio anterior, superando os dous millóns de euros

Cesar Poza, alcalde de Vilaboa
Cesar Poza, alcalde de Vilaboa / Concello de Vilaboa

O Concello de Vilaboa pechou o orzamento de 2024 cun remanente de 2,47 millóns de euros, o que segundo o alcalde, César Poza, reflexa a "excelente saúde" das arcas municipais.

A intención do goberno local é destinar estes cartos a "proxectos urxentes" para Vilaboa.

O municipio pecha así o ano cumprindo cos principais parámetros fiscais no que se refire á estabilidade orzamentaria, regra de gasto e débeda pública

A "ausencia total" de endebedamento por parte do Concello demostran, engadiu Poza, "a súa  solvencia e estabilidade orzamentaria" como tamén se demostra no "pago puntual" a proveedores, un parámetro do que o goberno local se amosa especialmente satisfeito.

Despois das obras executadas o ano pasado e das actuacións que están en marcha, este remanente de tesourería "é a evidencia dunha xestión responsable e sostible e unha garantía de seguridade no que a cumprimento da folla de ruta marcada se refire", explica o alcalde.

Esta solvencia financieira de Vilaboa permitiu ao goberno local incrementar no 2024 os investimentos un 68,55% con respecto ao exercicio anterior, superando os dous millóns de euros.

Todo iso cun orzamento de 4,22 millóns de euros e que acadou os 5,74 de execución orzamentaria.

César Poza destacou que Vilaboa rematou o ano 2024 con débeda cero, cunha previsión de gastos e ingresos" moi axustada á realidade" e unha execución orzamentaria "moi eficiente".

"Estamos satisfeitos con este resultado sobre todo porque nos dá marxe para seguir investindo e avanzando cara ese proxecto de desenvolvemento que temos para Vilaboa", sentenciou Poza.