Vilaboa destina 805.000 euros do seu orzamento para o lixo, o saneamento e Acuaes

Vilaboa
26 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Unha modificación de crédito permite ao goberno local elevar a 1.114.841 euros as partidas dispoñibles para investimentos

Vista do concello de Vilaboa
Vista do concello de Vilaboa

A Corporación Municipal de Vilaboa aprobou este luns cos votos favorables do goberno local un orzamento municipal que alcanza os 4.226.076 euros.

As contas do Concello de Vilaboa para 2024 recollen importantes partidas tanto para o contrato do lixo (530.000 euros) como para a limpeza e mantemento da rede de saneamento (220.000 euros) e unha aportación a sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (Acuaes) para extender a rede pública de auga desde Pontevedra ata Vilaboa. 

O orzamento contempla partida tamén para o estudio da mellora da eficiencia enerxética e do alumeado.

O remate da concesión coa actual empresa que presta o servizo de recollida de lixo levou ao goberno local a preparar xa o prego de condicións para sacar a concurso esta prestación que debido á inflacción da economía actual eleva o prezo das distintas unidades que deben atender as empresas que opten ao concurso.

O orzamento de 2024 increméntase polo pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de Autoestradas do Atlántico Audasa, que aportará ás arcas municipais 413.000 euros máis, este ingreso axudará a compensar o gasto extraordinario que o Concello terá que asumir coa renovación do contrato do lixo.

Outra partida importante recollida no documento económico é a que corresponde ao servizo de limpeza da rede de saneamento e que ascende a 220.000 euros, xa que un correcto mantemento das tuberías contribúe a unha maior eficiencia deste servizo e, sobre todo, a evitar desbordamentos e filtracións.

A dotación dunha extensa rede de abastecemento de auga a todo o municipio é un dos retos que asume o goberno local e que depende, en grande medida, da posta en marcha do ente supramunicipal liderado por ACUAES e que permitirá achegar ata Vilaboa a captación do río Lérez. Para participar neste proxecto o orzamento de Vilaboa recolle unha partida de 55.000 euros.

A modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) conta tamén cunha partida específica de 15.000 euros que facilitarán a súa tramitación para correxir erros puntuais detectados en diferentes aspectos do planeamento.

O orzamento recolle unha partida de 278.000 euros para diferentes investimentos no municipio, que se ve complementada cunha dotación de 836.841 euros procedente da modificación de crédito (remanentes de partidas do pasado exercicio) aprobada tamén na sesión plenaria de onte e que elevan a 1.114.841 euros a cantidade prevista para investimentos en obras, infraestruturas e mellora de servizos durante este ano 2024.