Vilaboa celebra o día grande do seu Entroido coa tradicional Corrida do Galo

Vilaboa
17 de febreiro 2015

Dende as 16.00 horas e durante máis de tres horas desenvolvéronse diferentes actividades de xogos populares e actuacións musicais e de baile no parque de Riomaior

Madamas e Galáns no entroido de Cobres 2015 (Vilaboa)
Madamas e Galáns no entroido de Cobres 2015 (Vilaboa) / Mónica Patxot

O Entroido de Cobres en Vilaboa festexou o seu día grande este martes 17 coa tradicional celebración composta de actividades e xogos populares que se desenvolveron no parque de Riomaior.

A xornada comezou ás 16.00 horas coas probas do Galo no Río na que os participantes intentan deslizarse por un pau sobre o río dun lado a outro ata coller un galo de plástico e o Galo na Vara onde os mozos trepan por unha estaca ata alcanzar o boneco.

A continuación, as comparsas convertéronse en protagonistas coa presenza das coñecidas Madamas e Galáns. Tras esta intervención, deuse paso á Corrida do Galo na que os participantes perseguen o galo de plástico pola explanada. A partir das sete da tarde tivo lugar a "Queimada do Galo" con lumes de artificio. Nesta ocasión cambiouse o lugar onde se desenvolveron os actos debido a que Fomento rexeitou que estes eventos se realizaran nas proximidades da ponte da autoestrada para evitar danos.

Nesta ocasión, a festa contou coa intervención dun dos veteranos veciños de Vilaboa, Manoliño de Pioquinto, todo un personaxe que leva anos apoiando e participando nesta celebración. As orixes deste Entroido remóntanse ao século XVIII.

Arquivado en