Vilaboa xa goza do seu mercadiño de Nadal, que desde esta fin de semana e ata o 7 de xaneiro estará instalado na carretera vella de Paredes para converterse nun escaparate do potencial creativo da artesanía vilaboense.
Impulsado pola Concellaría de Promoción Económica, o mercadiño busca aportar alternativas sostibles no medio rural e concienciar sobre un necesario cambio de hábitos nos consumos.
Aposta así pola xoiería artesanal, esmaltes, manualidades, alimentación ecolóxica, prendas de segunda man, xabóns artesanais, adornos e complementos con impresión instantánea, ademáis da repostería caseira e as bebidas quentes.
Nas casetas tamén está a rapazada do CPI O Toural, buscando financiar a excursión de fin de curso do alumnado de cuarto da ESO con artigos elaborados por eles e o colexio Riomaior.
Detrás de cada produto, indican desde o Concello hai unha historia de creación e de inspiración, a que lle imprime cada artesán participante: Laura Filgueira, Pilar Blanco, Montserrat Rosendo, Carmen Castro e Carlos Acuña, que este ano aposta pola alimentación ecolóxica coa súa tenda Alcrique Eco.
Pilar Blanco, de Obraidoiro Hedra, ofrece nesta terceira edición do Mercadiño exclusividade coas súas pezas de xoiería, esmaltadas artesanalmente con técnicas tradicionais para quenes busquen diferenciarse. A raíña do stand é de novo a camelia, a flor que inspira a Blanco para realizar as súas pezas.
A que tamén repite este ano é Laura Filgueira, que aposta pola venda de artesanía con Erre3, unha tenda coa que lle da unha segunda vida á madeira usada converténdoa nun adorno de Nadal, nunha táboa de cociña ou mesmo un chaveiro.
As que tamén buscan unha segunda vida para os produtos son Montserrat Rosendo e Carmen Castro con Cachito. Estas dos mulleres venden artiluxios usados de todo tipo, pezas de arte en madeira, antigüidades, prendas vintage e "vellerías", buscando unha segunda vida en fogares que aprecien a beleza da calidade.
Pola súa banda, o alumnado do colexio do Toural de 4º da ESO oferta gofres, biscoito, empanadillas, chouripán e algunha que outra sorpresa coa que queren recadar cartos para a súa viaxe a París. Frente a eles está a o alumnado do colexio de Riomaior, que comercializan artigos variados de agasallo elaborados por eles mesmos para financiar a excursión de fin de curso, no seu caso a Dublín.
A sexta caseta do mercadiño o Concello a cedeu á asociación Carretera Vella, na que se ofrece chocolate quente recentemente feito por integrantes deste colectivo veciñal para sufragar os gastos derivados polo ambientación navideña nesta contorna de Paredes.
O mercadiño estará aberto todas as tardes ata o 7 de xaneiro e en horario de mañá e tarde as fins de semana e os festivos.