Vilaboa acolle este sábado a primeira edición da Festa do Motor

Vilaboa
12 de setembro 2024

Esta primeira convocatoria está organizada por un grupo de afeccionados ao motor. Ademais da exposición de motos e coches clásicos, participarán pilotos de competición, repartiranse premios entre os participantes da exhibición e concluirase cunha cea e sesión dj

A Festa do Motor exhibirá vehículos clásicos de competición
A Festa do Motor exhibirá vehículos clásicos de competición / A. Souto

A chaira da casa da cultura de Riomaior, en Vilaboa, servirá este próximo sábado 14 de emprazamento para a primeira edición da Festa do Motor. Unha proposta que viñan ideando desde tempo atrás un grupo de afeccionados e competidores que finalmente conseguiron sacar adiante este setembro.

Ás 16.00 horas comezará a exposición de vehículos clásicos de rallyes e de montaña. Tamén haberá de motos antigas como Lambrettas ou Montesas. Entregaranse premios ao vehículo máis antigo e ao máis ruidoso. Ademais haberá agasallo para o automóbil que veña de máis lonxe.

Outro engadido que preparou a organización é a asistencia de competidores como Brais Rigueira Montes, Jonathan Álvarez, David Dapena González, ou Ismael Conde, entre outros, que acudirán cos seus vehículos.

Para completar a parte expositiva da convocatoria está prevista unha cea con polbo e churrasco que require reserva e cuxo prazo termina este xoves 12. Os teléfonos para reservar son 622 59 18 17, 698 11 97 01 e 650 051 401. A partir das 23.00 horas comezará unha sesión con dj.