Chegamos a unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha receita perfecta para servir como entrante. Nesta ocasión, Conservas Pescamar propón unha salsa co seu atún claro, unha especie moi valorada dentro da familia dos túnidos.
O atún é un peixe con múltiples propiedades. Destaca a súa achega en proteínas de gran valor biolóxico e o seu alto contido en Omega-3. A estas importantes calidades, hai que engadir os beneficios da súa presentación en aceite de oliva, que ademais contribúe a potenciar o seu sabor.
Para preparar unhas saborosas Vieiras á prancha con salsa de atún claro Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 10 vieiras conxeladas
- 1 lata de Atún claro en aceite de oliva Pescamar
- 100 g de chícharos cocidos
- 100 g de champiñóns
- 200 ml de auga
- 20 ml de leite
- 100 ml de nata para cociñar
- Aceite de oliva
- 1 cebola pequena
- 20 g de fariña
- 100 ml de caldo de verduras
- Sal
- Pementa branca
- 1 culleradiña de zume de limón
- Flores comestibles para decorar (opcional)
Preparación:
Para a salsa de atún claro, picamos a cebola e refogámola en aceite de oliva. Cando empece a estar transparente, agregamos os champiñóns previamente fileteados, salpementamos e engadimos a fariña. Unha vez dourado, incorporamos o caldo de verduras, a auga e o leite, remexemos ben e deixamos cocer durante 40 minutos.
Transcorrido o tempo, retiramos do lume, achegamos o contido escorrido da lata de Atún claro en aceite de oliva Pescamar e trituramos.
A continuación, vertemos a nata ata acadar a textura que desexemos e rectificamos de sal e pementa. Reservamos.
Deixamos 24 horas a carne das vieiras na neveira ou ben as desconxelamos no microondas. Secámolas con papel de cociña e ímolas colocando sobre un prato. Salpementamos.
Esparexemos un pouco de aceite nunha tixola ao lume. Cando estea quente, colocamos as vieiras unha a unha separadas. Cociñamos a lume medio-alto dous minutos por cada lado. Vertemos unhas pingas de zume de limón sobre as vieiras e retirámolas.
Na mesma tixola, poñemos unhas pingas de aceite de oliva máis e refogamos os chícharos.
Para servir, quentamos a bandexa no forno, colocamos primeiro a salsa de atún e, a continuación, os chícharos e as vieiras. Podemos decorar con flores comestibles, como nas fotografías.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.