VÍDEO.- Un lume de máis de 20 hectáreas en Ponte Sampaio obriga a desaloxar casas e ameaza núcleos de poboación

Pontevedra
10 de agosto 2016
Actualizado: 20:46

O lume declarouse sobre as 16.44 horas e ás 19.30 horas arrasara unha superficie superior a 20 hectáreas. As chamas rodean por completo os núcleos de O Rañadoiro e Acevedo e tamén afectan o lugar de O Vilar e achéganse á zona do colexio público da parroquia. A magnitude das chamas obrigou á Policía Local a cortar varias estradas e vías de acceso

Panorámica dos incendios activos nos arredores de Pontevedra / PontevedraViva

A parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio está afectada polos incendios por segundo día consecutivo. Tras o susto que na tarde deste martes se achegou a menos de 200 metros das vivendas do lugar de O Vilar, este mércores un lume con maior forza afecta tamén aos lugares de Acevedo e O Rañadoiro, obrigando a desaloxar polo menos seis casas e afectando outras dúas vivendas deshabitadas. 

Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o lume declarouse sobre as 16.44 horas e ás 1930 horas arrasara unha superficie superior a 20 hectáreas. A maneira na que estaba a extenderse o lume levou ao Concello de Pontevedra a pedir á Consellería máis medios de extinción.

Fontes da Policía Local de Pontevedra indicaron que ás 19.40 horas foran desaloxadas seis vivendas dos lugares de O Rañadoiro e Acevedo e fontes veciñais engadiron que, ademais, o lume cercou por completo dúas casas máis en O Rañadoiro que non están habitadas, pero si habitables.

Tamén afectaron a unha leira dunha vivenda con animais que tiveron que ser desaloxados e na zona de O Forniño desaloxouse unha muller maior que vive soa. Na finca desta muller, arderon unha casa abandonada, un alpendre e un galpón e ela foi acollida polos propios veciños.

As chamas rodean por completo os núcleos de O Rañadoiro e Acevedo e tamén afectan o lugar de O Vilar e aproxímanse á zona do colexio público da parroquia. A magnitude das chamas obrigou á Policía Local a cortar varias estradas e vías de acceso.

Segundo a Policía Local, ás 20.30 horas a zona de Acevedo era a máis activa e os equipos de extinción atópanse con dificultades á hora de traballar porque o lume afecta a lugares aos que se accede con camiños moi estreitos. Os bombeiros utilizan os seus vehículos de menor tamaño para acceder mentres os voluntarios de Protección Civil colaboran activamente cortando con motosierras as árbores máis próximas ás vivendas e refrescando as casas que ofrecen máis perigo.

O incendio mobilizou aos Bombeiros, Protección Civil e a Policía Local de Pontevedra e obrigou a un amplo despregamento de medios aéreos e terrestres da Consellería do Medio Rural. Segundo informou esta última institución, ás 18.30 horas desprazáronse para a loita contra o lume un técnico, tres axentes, sete brigadas, cinco motobombas e tres helicópteros e ían en camiño outro helicóptero e un hidroavión.