VÍDEO.- Un desfile de Entroido a proba de choiva

Pontevedra
10 de febreiro 2024

Foron días de incerteza ante un mapa meteorolóxico nada esperanzador para a fin de semana, pero finalmente o Entroido de Pontevedra venceu á choiva para sacar adiante un dos puntos principais da súa programación, o seu tradicional desfile de disfraces, que encheu de cor e diversión as rúas da cidade

Desfile do Entroido de Pontevedra 2024 / Cristina Saiz

Foron días de incerteza cun mapa meteorolóxico nada esperanzador para a fin de semana, pero finalmente o Entroido de Pontevedra venceu á choiva para sacar adiante un dos puntos principais da súa programación, o seu tradicional desfile de disfraces, que encheu de cor e diversión as rúas da cidade.

Houbo que esperar ata pasadas as 11.00 horas da mañá deste mesmo sábado para ter a confirmación oficial de que o desfile se mantiña, ante unha previsión que avanzaba unha lixeira melloría durante as horas previstas do desfile.

Bastou para que os pontevedreses saísen en masa á rúa para demostrar por que o seu é un dos mellores entroidos urbanos de Galicia.

E iso que un ballón facía dubidar os máis optimistas cando pasadas as 16.00 horas as agrupacións, comparsas e resto de participantes empezábanse a concentrar na Rúa José Malvar.

A billa pechou, e salvo algunha pinga intermitente, terminou respectando o percorrido mesmo con momentos nos que se adiviñaba o ceo azul e brillaba algún que outro raio de sol. Así empezou a desfilar a comitiva festiva pola rúa Loureiro Crespo cando o reloxo xa marcaba as 17.15 horas.

A partir, o bo humor, fantasía, cor e música contaxiaron aos miles de pontevedreses que enchían o percorrido por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena e Praza de España ata chegar á Alameda.

Ao ritmo das comparsas uníronse disfraces de todo tipo e entre os que non faltou como sempre a crítica local para arrincar os sorrisos do público.

Superado o desfile, o Entroido de Pontevedra mira agora cara ás súas próximas citas o luns 12 de febreiro, cun obradoiro de máscaras ás 17.00 horas na Praza de Curros Enríquez e sobre todo coa presentación do Loro Ravachol na Praza da Peregrina (19.30 horas) e coa primeira eliminatoria do XXXII Concurso de Murgas no Pazo da Cultura (21.00 horas).

Arquivado en