VÍDEO.- Reivindican en Pontevedra a tramitación dunha lei trans estatal

Pontevedra
05 de xullo 2020

Convocada polas asociacioes trans galegas, Euforia TransAliadas, Chrysallis Galicia, Arelas e AmiZando, a concentración tamén serviu para volver reivindicar os dereitos deste colectivo que sente maltratado en toda España a nivel social e político

Concentración para reivindicar a tramitación da Lei Trans Estatal / Cristina Saiz

Unhas duascentas persoas concentráronse este sábado na Alameda de Pontevedra para instar o Goberno á tramitación "urxente" dunha Lei Trans Estatal cuxa proposta xa lle foi entregada á ministra de Igualdade, Irene Montero.

Convocada polas asociacioes trans galegas, Euforia TransAliadas, Chrysallis Galicia, Arelas e AmiZando, a concentración tamén serviu para volver reivindicar os dereitos deste colectivo que sente maltratado en toda España a nivel social e político.

Na concentración esixiron ao Ministerio de Igualdade que as demandas das persoas trans non queden pospostas "unha vez máis" e que se aprobe unha lei que garanta a autodeterminación de xénero para que estas persoas vexan xuridicamente protexidos os seus dereitos.

Ademais denuncian que o Estado español leva máis dunha década sen cumprir os requisitos que segundo a ONU e outros organismos de defensa dos dereitos humanos, deben darse para que o recoñecemento do dereito á identidade de xénero sexa real.

Lembraron tamén que diante dunha contorna hostil propiciada pola ausencia dun marco legal estatal integral, a porcentaxe de suicidios entre as persoas trans é moi superior ao do resto da poboación.

Finalmente reclaman que o colectivo trans ten dereito a unha "reparación histórica dos seus dereitos", ao seguir sendo "a minoría dentro das minorías, máis discriminada e desdeñada".