VIDEO.- Pontevedra súmase ao aplauso colectivo á loita incansable do persoal sanitario fronte o coronavirus

Pontevedra
14 de marzo 2020

Desde todos os recunchos da cidade soaron os ecos destes aplausos que, ademais de médicos, enfermeiras, celadores e o resto do persoal sanitario, moitos quixeron facer extensible a outros colectivos que seguen traballando en plena corentena

Aplauso colectivo en Pontevedra ao traballo do persoal sanitario polo coronavirus / PontevedraViva

Ás dez da noite, puntuais, centos de pontevedreses asomáronse aos seus balcóns en plena crise do coronavirus. Fixérono para secundar a convocatoria que, a través de redes sociais, se organizou para aplaudir o traballo incansable do persoal sanitario.

Durante máis de dez minutos, os pontevedreses ovacionaron aos homes e mulleres que, desde a chegada do virus ao noso país, convertéronse na primeira liña de defensa contra a infección e atenden 24 horas ao día aos pacientes ingresados nos hospitais.

Desde todos os recunchos da cidade soaron os ecos destes aplausos que, ademais de médicos, enfermeiras, celadores e o resto do persoal sanitario, moitos quixeron facer extensible a outros colectivos que seguen traballando en plena corentena.

Así, a homenaxe ampliouse para recoñecer o labor do persoal de supermercados, tendas de alimentación ou farmacias, que non pecharon para abastecer á poboación de produtos de primeira necesidade, ou aos transportistas que se encargan das mercadorías.