VÍDEO.- Policías, voluntarios e sanitarios fúndense nun aplauso en Montecelo

Pontevedra
28 de marzo 2020

Ás oito da tarde regresaron os aplausos de apoio da cidadanía ao traballo dos profesionais sanitarios. No Hospital Montecelo, ademais, o son ambiente incluíu sirenas pois ata alí acudiron patrullas das policías Local e Nacional e vehículos de Protección Civil  

Policías e persoal sanitario apláudense mutuamente pola súa labor co coronavirus / Diego Torrado

Ás oito da tarde, puntuais como cada día nas dúas últimas semanas, os aplausos volveron converterse na banda sonora das rúas de Pontevedra. Dun recuncho ao outro da cidade e das parroquias do rural, soou o apoio da cidadanía ao traballo incansable dos profesionais sanitarios para combater o coronavirus. No Hospital Montecelo, ademais, o son ambiente estivo acompañado de sirenas, as de varias patrullas das policías Local e Nacional e vehículos de Protección Civil que acudiron a dar o seu apoio. 

O primeiro que soou foron as sirenas dos vehículos, un reclamo que fixo que os sanitarios que nese momento estaban dispoñibles saísen á porta de acceso ao servizo de Urxencias. A continuación, policías, voluntarios de Protección Civil e profesionais da sanidade fundíronse nun só aplauso colectivo e solidario, para darse ánimos e agradecemento ante o esforzo que está a supoñer o combate contra o  Covid-19.