VÍDEO.- Piden a dimisión do alcalde de Vilanova tras chamar "chacha para todo" á presidenta da Deputación

O Salnés
06 de outubro 2018

O PSOE provincial solicita a inmediata dimisión de Gonzalo Durán e pídelle ao PP que o cese de militancia porque "se non o fai así Feijóo estará a dar respaldo ás súas manifestacións", sinalou a vicesecretaria dos socialistas en Pontevedra, Paula Fernández

Gonzalo Durán xunto ao conselleiro Román Rodríguez
Gonzalo Durán xunto ao conselleiro Román Rodríguez / Xunta de Galicia

O grupo provincial do Partido Socialista pediu a "inmediata dimisión" do alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, tras chamar " chacha para todo" de Abel Caballero á presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Esas declaracións producíronse nunha rolda de prensa do propio Durán sobre o rexeitamento do proxecto dunha nova piscina municipal no seu municipio, onde criticou ao goberno provincial sinalando que "no es una administración, es un órgano político gobernado por el ayuntamiento de Vigo por el anciano Abel Caballero y su chacha para todo que es Carmela Silva", tal e como recolleu o Canal Rías Baixas.

Non tardou en pedir responsabilidades o PSOE, que a través da súa vicesecretaria provincial, Paula Fernández, asegura que as palabras do alcalde de Vilanova esconden un "carácter machista e profundamente denigrante cara á presidenta e teñen unha connotación profundamente ofensiva. Por iso pedimos publicamente que se retracte e que pida desculpas", explicou Fernández.

Ademais a representante da agrupación socialista pide ao Partido Popular, formación á que pertence Gonzalo Durán, que o cese de militancia  poorque "se non o fai así Feijóo estará a dar respaldo ás manifestacións de Durán", afirmou.

A estas críticas sumouse tamén Marta Giráldez, secretaria xeral de Igualdade do grupo socialista municipal, sinalando que "calquera muller debería sentirse ofendida por esas palabras, sexa da cor política que sexa".