A chuvia apareceu no inicio deste Entroido 2019 pero son "lágrimas de alegría", en palabras reales do monarca Urco, que desde o escenario invitaba aos centos de persoas que se achegaron á praza da Ferrería a comer, beber e "fartarse con sentidiño" ao longo da semana.
Antes, a comparsa encargada de ler o pregón desta edición, Os Solfamidas facían un chamamento á diversión tras acompañar o séquito real con outras agrupacións: Os Canecos, Amoriños de Bora, Las Flores del Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas e Os Menudos.
O presidente da comparsa de Campo Lameiro, Ángel Rodríguez "Lito", manifestaba desde o palco que era un orgullo participar como pregoneiros nesta festa. Dúas compañeiras da agrupación indicaron que formar parte da comparsa supón unha maneira de manterse unidos e falaron do seu proxecto de crear unha escola de música en Uganda a través do Proxecto Uganda, un país cara onde se dirixe Emilio, un dos integrantes da formación.
Nun ton máis humorístico, Lito non evitou a comparativa con Vigo e lembroulle ao alcalde olívico Abel Caballero que en Pontevedra se celebra "o mellor Entroido do mundo" para a continuación indicar que os vigueses veñen á capital a gozar destas festas. Despois lanzou o reto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se atopaba entre o público coa concelleira de Festas Carme da Silva, a subir ao escenario e acompañalos tocando o bombo. Pero antes, integrantes dos Solfamidas vestidas de negro pediron respeto e igualdade lembrando o lema "non é non".
Despois, o alcalde de Pontevedra asumía o reto e, tras vestirse a camiseta da agrupación e axudado polo percusionista da banda, atreveuse a golpear o bombo ao ritmo da música neste arranque do Entroido.
Este sábado continúa a festa co gran desfile, que sairá ás 17.00 horas da rúa Xosé Malvar e percorrerá as rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda. A partir das 20.00 horas está prevista a festa de disfraces na FErrería co anuncio dos premios aos participantes do desfile por parte do xurado.